CINCO ESPECTÁCULOS ENTRE O 4 E O 13 DE ABRIL
O programa Primavera enDanza cumpre doce anos de achegamento da danza contemporánea ao público da comarca
Luns 24 de marzo do 2014
Falando en concreto dos espectáculos da XII Primavera enDanza, Eirís subliña que todos eles contan "cunha posta en escena moi coidada, así como o vestiario e a iluminación", ademais de tratarse de "propostas alcanzables para todo tipo de espectadores". Entre elas, destaca a presenza da actriz e bailarina Marta Etura, do Centro Coreográfico Galego, dun Premio Nacional de Danza ou da compañía infantil Aracaladanza, vella coñecida do público carballés. En orde cronolóxica, as actuacións son as seguintes:
- Venres 4 de abril: Cristina Montero & Rut Balbís - "Momento Blooming". Dúas bailarinas excepcionais teñen a solución aos teus problemas financeiros. Unha ocasión única, na que o corpo, o movemento, a música e a danza xúntanse para facer un cóctel anti crise. Entrada ordinaria: 3€. Entrada reducida: 2€. Duración prevista: 50 minutos.
- Sábado 5 de abril: Pentación SL - "Return". Chevi Muraday- Premio Nacional de Danza 2006- fundador da compañía Losdedae, e Marta Etura, unha das máis destacadas actrices do noso cine actual e tamén bailarina, únense para este proxecto no que a danza e a palabra dialogan nun mesmo plano. Entrada ordinaria: 5€. Entrada reducida: 3,5€. Duración prevista: 50 minutos.
- Venres 11 de abril: Cía Licenciada Sotelo - "Silencio, por favor". Despois de traballar en diferentes producións de danza e teatro, Nuria Sotelo crea a súa propia compañía en 2011. Este é o seu sexto traballo estreado hai só unhas semanas no Festival Alt de Vigo. Ruído e silencio son os protagonistas desta coreografía. Entrada ordinaria: 4€. Entrada reducida: 3€. Duración prevista: 60 minutos.
- Sábado 12 de abril: Centro Coreográfico Galego - "Full House". Dous importantes creadores de danza contemporánea de prestixio internacional son os responsables da última produción do Centro Coreográfico Galego, o sueco John Inger e o francés Amaury Lebrun, que crean cadansúa coreografía para a unidade de danza da Consellería de Cultura. Entrada ordinaria: 3€. Entrada reducida: 2€. Duración prevista: 60 minutos.
- Domingo 13 de abril: Aracaladanza - "Constelaciones". "Constelaciones" é o nome do soño de Aracaladanza inspirado na obra creativa do pintor Joan Miró. Fiel ao espírito desta compañía madrileña de danza contemporánea que xa ten visitado Carballo en varias ocasións, cinco bailaríns buscan transmitir as emocións do universo do pintor no que as cores teñen movemento nun espazo indefinido. Entrada ordinaria: 5€. Entrada reducida: 3,5€. Duración prevista: 50 minutos.
O programa Primavera enDanza 2014 compleméntase cunha serie de actividades de achegamento á danza contemporánea. Así, durante o festival varios dos espectáculos contarán cunha presentación especial en diferentes espazos públicos de Carballo, como o Xardín Municipal ou o IES Alfredo Brañas. Así mesmo, un ano máis mantense a actividade "Como se crea un espectáculo de danza?", un encontro dos espectadores con bailarines, coreógrafos ou directores dos espectáculos para falar de cada unha das funcións co obxectivo de achegar a linguaxe da danza ao público. Teñen lugar ao remate de cada espectáculo no propio auditorio do Pazo da Cultura. Por último, o programa inclúe a presenza de tres exposicións: unha de pintura, outra de fotografía e unha terceira de gravado.
Os interesados e interesadas poden consultar o programa completo en pdf de Primavera enDanza nesta mesma nova. Tamén está dispoñible un vídeo en Youtube no que se reproduce a peza que a bailarina Rut Balbís, presente en dúas das propostas de Primavera enDanza -"Momento Blooming" e "Silencio, por favor"- ofreceu con motivo da presentación do programa no Pazo da Cultura.