Inicio Carballo ao día Hemeroteca Wau y Los Arrrgs, Idealipsticks, The Government e...

VENRES 27 DE XUÑO A PARTIR DAS 22.00 HORAS NO REGO DA BALSA

Wau y Los Arrrgs, Idealipsticks, The Government e Apart no cartel do Rockin´, o primeiro gran festival do verán na comarca

Sábado 10 de maio do 2014

Respecto das características dos grupos, o Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez, explica que o Rockin´ mantén a tendencia de anos anteriores de contar con "bandas un pouco máis alternativas que non adoitan saír nas radio fórmulas". Os cabeza de cartel, Wau y los Arrrgs, veñen dende Valencia cun vocalista que Pérez describe como "un auténtico animal no escenario". Eles explican o seu estilo dicindo que "o único que sabemos facer é tocar duro, forte e salvaxe". Móvense habitualmente en circuítos alternativos, contando con repercusión en Alemaña e en Carballo presentarán o seu terceiro traballo. Idealipsticks é un dúo cun estilo rock, garaxe, blues e soul con referentes como os Rolling Stones, Bob Dylan ou Sonic Youth. Pérez subliña a voz "canalla" da cantante, Eva, que contribúe a facer de Idealipsticks "un dúo salvaxe e sensual a un tempo". The Government son tres rapaces de Madrid que fan un "directo bestial", segundo Pérez, porque "son tres, pero parecen 300". As súas influencias son o soul, o garaxe e o punk rock. Mención aparte merecen Apart, un grupo carballés de recente creación que en verbas de Pérez "constitúe unha gratísima sorpresa" no panorama musical da vila. Trátase do segundo grupo do festival cunha voz feminina, ao igual que ocorre con Idealipsticks, "algo non habitual no rock pero que cada vez vai a máis", resalta o Concelleiro de Mocidade.

Precisamente Inés e Pedro, de Apart, estiveron na presentación do Rockin´ para manifestar o seu agradecemento pola confianza que neles ten depositado a comisión xa que participar no festival "é unha grande oportunidade". Inés rematou dicindo que o grupo espera "facer bailar aos nosos amigos e familiares" e facelo o mellor posible. Para o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero o festival é unha mostra máis do "interesante movemento creativo" que está xurdindo en Carballo, con iniciativas que implican a escritores, artistas plásticos e músicos, "xente que interpreta Carballo con outros ollos e outra maneira de estar, e, por suposto, teñen que ter cabida no programa de San Xoán". Especialmente a través dun festival coma o Rockin´ "que está agromando e que acaba sendo un dos pesos pesados do programa", especialmente tamén na economía, facendo que a xente veña a visitar Carballo. Ferrero rematou a presentación do Rockin´esperando "que o ciclo da vida nos leve a poder gozar deste Rockin e doutros moitos en Carballo".

Compartir: