Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello inicia un expediente de...

ALÉGASE INCUMPRIMENTO POR PARTE DA UTE ADXUDICATARIA

O Concello inicia un expediente de resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo"

Xoves 15 de maio do 2014

Despois de que o Concello inicie o expediente de resolución de contrato, tanto os avalistas como Extraco SA e Decoraciones J. Bello SL teñen a posibilidade de presentar alegacións durante un prazo de 10 días. De presentarse, esas alegacións serán examinadas por técnicos que ditaminarán a súa pertinencia. Os servizos administrativos municipais calculan que para a resolución dun expediente destas características son necesarios aproximadamente tres meses de trámites. Porén, a administración local ten pensado iniciar, unha vez remate o período de presentación de alegacións e despois de saberse se se presentou algunha, un proceso para realizar unha nova adxudicación dos traballos e conseguir que a actuación poida levarse a cabo o antes posible. Segundo sinalou Ferrero, o contrato podería estar adxudicado en arredor de tres meses dende o comezo do proceso de licitación. A celeridade á hora de realizar unha nova adxudicación vén determinada polo feito de que os traballos están cofinanciados nun 70 por cento con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Así, o prazo de xustificación que esixe a UE (Unión Europea) para conceder a subvención remata en marzo de 2015, cando a obra debería estar executada. De producirse unha nova adxudicación cunha nova empresa ou UTE nos prazos estimados, os técnicos calculan que o Concello non tería por que exceder a data límite estipulada para manter a subvención.

Respecto dos motivos que expón a unión temporal de empresas para ter certificados tan só 9.000 euros dos traballos unha vez rematado o prazo de execución, o Alcalde explica que a UTE esixiu dende o primeiro momento a realización dun modificado do contrato, algo que foi rexeitado tanto pola asistencia técnica encargada de redactar o expediente de contratación (Egis-Eyser SA), como polo director de obra e técnico municipal designado polo Concello. Un dos principais motivos deste rexeitamento é que as subvencións de fondos europeos non admiten a realización de ningunha variación no contrato, xa que de producirse algunha modificación correríase o risco de perder boa parte da subvención concedida. Despois de meses de conversacións, non puido chegarse a ningún acordo, polo que o Concello lamenta verse na obriga de tomar a decisión de emprender a resolución do contrato. Hai que lembrar, ademais, que nestes momentos está en marcha o proceso de adxudicación da Fase II da obra de "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)" por un importe de 2.213.251,85 € (sen IVE). Aínda que a execución de cada unha das fases é independente e os traballos da Fase II poden realizarse sen problema, o obxectivo é poder rematar as dúas fases do proxecto na súa totalidade e cumprindo os prazos ditados pola UE. Tanto os voceiros de todos grupos municipais da corporación como os responsables da UTE foron informados do inicio do expediente de resolución de contrato antes de que o Concello fixese pública a decisión tomada ante os medios de comunicación.

Compartir: