Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Horto Infantil Municipal nace como un espazo...

A ACTIVIDADE ARRINCA O 19 DE MAIO CON OBRADOIROS GRATUÍTOS

O Horto Infantil Municipal nace como un espazo lúdico no que os cativos reflexionen sobre a natureza, o consumo e a reciclaxe

Venres 16 de maio do 2014

Respecto dos horarios das actividades, e comezando polos talleres impartidos polo Concello, o luns 19 comézase co Obradoiro de Xardín Ornamental, dirixido a nenos de Primaria (de 6 a 11 anos) e con dous grupos divididos en horario de 16.30 a 18.00 e de 18.00 a 19.30 horas cada luns. Os luns e os mércores terá lugar o Obradoiro A nosa horta en horario de 18.30 a 20.00 horas. Nel empregarase o horto como vehículo para conseguir que os nenos e nenas realicen unha organización autónoma do traballo, aprenda sobre alimentación saudable e consumo responsable e desenvolvan xogos de psicomotricidade. A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) encárgase dun Obradoiro de Composteiro Natural, tamén para cativos e cativas de Primaria, que será os martes e xoves de 18.00 a 19.30 horas. Nel reflexionarase sobre a reciclaxe, a xestión de residuos, a reutilización de elementos, etc. Paralelamente, Adega tamén realizará cos cativos e cativas a construción dun cultivo vertical realizado con material de refugallo.

Por último, a Asociación Ambiental Senda Nova ofrece dous obradoiros, un de coñecemento da natureza para nenos e nenas de 2 a 5 anos chamado Pequehorta; e outro de observación e convivencia para alumnado de Primaria. O primeiro deles inclúe actividades de potenciación sensorial e achegamento básico a diferentes materiais e seres vivos presentes na natureza. Consta de catro sesións dunha hora cada unha onde os nenos e nenas estarán acompañados dos seus pais ou das súas nais nas actividades de coñecemento de elementos naturais da contorna a través da observación, manipulación e experimentación aplicando valores e normas para o coidado e respecto do medio natural. As sesións serán os venres día 23 e 30 de maio e 6 e 13 de xuño en horario de 17.00 a 18.00 horas. Respecto do Obradoiro de observación e convivencia, vai dirixido a alumnado a partir de seis anos. Ao longo de tres venres, a partir das 20.30 horas, os cativos e as cativas verán o anoitecer no horto. Aprenderán a escoitar a e observar a natureza e fomentaranse diversas actividades de convivencia para fortalecer o grupo. Ademais de a través do enderezo electrónico do Horto Infantil, para este obradoiro tamén é posible inscribirse no correo <sendanova@hotmail.com> e nos teléfonos 636 326 083 e 696 155 232.

Pequefeiras para incentivar o emprendemento e a aprendizaxe

Por último, o Horto Infantil non se queda nos obradoiros, xa que a partir do curso 2014-2015 está previsto que se incorporen ás actividades os CEIP Bergantiños, CEIP Fogar e CEIP A Gándara-Sofán. E máis adiante, tamén está previsto que os nenos e nenas creen unha cooperativa cos produtos que cultiven e celebren dúas Pequefeiras nas que venderán o obtido do seu traballo. Aprenderán mesmo a xestionar o diñeiro, a controlar os gastos, a amortirzar os costes, a solicitar permisos e a reutilizar o diñeiro obtido para avanzar no proxecto. Os nenos e as nenas entrarán en contacto coa terra e co campo como modo de vida, sempre de maneira lúdica e divertida, e ao mesmo tempo sementando neles o espíritu de iniciativa, de emprendemento, de cooperación e de xestión.

O Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, visitará o Horto Infantil o luns 19 de maio ás 18.30 horas para presentar as novas actividades e observar de primeira man o desenvolvemento dos obradoiros.

Compartir: