Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Trofeo Concello de Carballo cumpre preto de 20...

SÁBADO 24 DE MAIO A PARTIR DAS 15.00 HORAS

O Trofeo Concello de Carballo cumpre preto de 20 anos congregando a 250 ciclistas nas rúas e estradas do municipio

Xoves 22 de maio do 2014

No que respecta ás características da proba máis polo miúdo, as femias, unha categoría que admite a ciclistas maiores de 15 anos sen límite de idade (está xa confirmada unha participante de máis de 40 anos), saen ás 15.00 horas cun percorrido de dúas voltas e 32,9 quilómetros por Carballo, Coristanco, Rus e de volta a Carballo. Ás 16.30 os cadetes realizan o mesmo circuíto que as femias, mentres que os júnior saen ás 18.00 horas. O seu percorrido varía xa que, saíndo desde Carballo, pasarán por Coristanco e Agualada, volvendo a Coristanco e pasando despois por Rus para volver á capital municipal. Realizarán dúas voltas que supoñen 73,9 quilómetros. Juan Seoane, director deportivo do Club Ciclista Carballo, destaca a dureza deste circuíto especialmente polas zonas de Cereo e Agualada, con pequenas e continuadas subidas que van desgastando as forzas dos participantes. No que respecta ás escolas, os alevíns e infantís realizarán ás 18.00 e 18.30 horas, respectivamente, un circuíto de 1,6 quilómetros polas rúas da capital municipal. Será de 4,8 quilómetros para os alevíns, con 3 voltas; e de 14,4 quilómetros para os infantís, con nove voltas. É similar ao de anos anteriores, aínda que se suavizaron algunhas curvas, como a de acceso á Rúa Valle Inclán.

Por último, unha das citas que congrega a máis público é a dos principiantes, xa que os máis cativos e cativas realizan unha proba de habilidade cun pequeno circuíto de obstáculos na Praza do Concello. Neste caso, a cita é a partir das 19.00 horas. A proba repartirá un total de 820 euros en premios, ademais de numerosos trofeos elaborados en olería de Buño e que reproducen o logo do Club Ciclista. Ademais, hai un premio de Meta Voante para os júnior patrocinado por Panadería Añón na recta de Rus e tamén un premio de montaña por puntos. O Alcalde quixo amosar a súa satisfacción por que Carballo acolla esta proba, xa que "por desgraza non hai moitos concellos que podan gozar deste espectáculo" e desexou que o Club continúe a realizar o seu bo traballo fomentando a práctica do ciclismo.

Compartir: