Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda unha suba do 5 por cen nas taxas...

O OBXECTIVO É REDUCIR UN DÉFICIT DE PRETO DE 200.000 EUROS

O pleno aborda unha suba do 5 por cen nas taxas do Conservatorio e pide a autorización da Xunta para seguir prestando o servizo

Venres 23 de maio do 2014

En todo caso, o Concello ten en marcha unha liña de axudas para as persoas que cursan estudos no Conservatorio, unhas bolsas que están en marcha dende hai dous anos e ás que pode optar o alumnado carballés. Dos 233 estudantes do centro no presente curso, 173 están matriculados en Grao Elemental e 60 en Profesional. Respecto dos prezos das novas taxas, serían os seguintes: en Grao Elemental o curso completo custaría 314,21 euros; as materias pendentes 77,18 euros; e a proba de acceso a 2º, 3º e 4º curso 55,13 euros. En Grao Profesional, o curso completo en 1º ou 2º curso serían 369,34 euros; o curso completo en 3º ou 4º curso, 424,46 euros; o curso completo en 5º ou 6º curso, 485,10 euros; as materias soltas/pendentes 110,25 euros; e a proba de acceso a Grao Profesional, 88,20 euros.

Ordenanza reguladora de operacións forestais

Outro dos asuntos da orde do día tamén supón a aprobación inicial dunha ordenanza, neste caso a reguladora dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións forestais e similares. A normativa ten como finalidade a de velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos que poden sufrir os mesmos, como consecuencia das operacións de saca de madeira e usos equiparables, comprendéndose dentro desta tanto as operacións preparatorias da corta da madeira como as posteriores. Resulta tamén prioritario o interese en protexer as persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para elo é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado. O Alcalde explica que esta ordenanza supón a adaptación da normativa á Lei de Montes de Galicia, ademais de recoller as modificacións que indica a directiva Bolkestein do Parlamento Europeo respecto da saca de madeira. A ordenanza tamén recolle o réxime de sancións establecido.

No apartado de mocións, tense rexistrado unha de TEGA na que se pide que o Concello de Carballo demande ante a Xunta de Galicia que se realice un enlace da autovía AG-55 coa estrada da Deputación CP-1902 entre Razo e Baldaio para poder facilitar o acceso á zona costeira do municipio. Así mesmo, pide que o Concello solicite da Deputación da Coruña que apoie esta demanda, ao tratarse dunha estrada da súa competencia. A moción non foi ditaminada na comisión informativa, mais o Alcalde, Evencio Ferrero, manifestou que o goberno pensa que "unha cuestión desta envergadura precisa de análise por parte dos técnicos", ademais de que se informe "ao organismo titular da vía". Por último, xa dentro do apartado de seguimento de órganos de goberno, o pleno dá conta dun informe sobre a conta xeral de 2013, que pasará un período de exposición pública antes de volver ao pleno para a súa aprobación definitiva.

Compartir: