Inicio Carballo ao día Hemeroteca O X curso de verán sobre normalizacion...

A CITA TERÁ LUGAR DO 9 AO 11 DE XULLO NO FÓRUM CARBALLO

O X curso de verán sobre normalizacion lingüística reflexiona sobre a transmisión do galego ás xeracións máis novas

Xoves 29 de maio do 2014

O curso de verán chega logo de nove edicións anteriores nas que se trataron propostas para a mellora do proceso de normalización da lingua galega. Para esta convocatoria, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña que dirixe Xosé Ramón Freixeiro Mato, elaborou un programa que combina as sesións teóricas e as prácticas coa posta en común de experiencias, debates e análises de traballo coa fin de elaborar propostas conxuntas de intervención que melloren a transmisión da lingua ás xeracións máis novas. Cales son os factores determinantes para a transmisión interxeracional dunha lingua; canto, cando e como se dá a ruptura da transmisión do galego; ás nosas fillas e fillos transmitímoslles o galego, mais...; exposición e valoración de diversas experiencias no ensino infantil; experiencia e valoración de intervencións desenvolvidas desde a administración; presentacións de propostas de obradoiros de cantos de berce, de xogos de dedos, de coñecemento de recursos para escolas infantís, etc.; presentación de propostas de intervención desde as administracións ou outras entidades; camiños para a transmisión do galego, etc. Estes son algúns dos temas que se traballarán neste curso de referencia anual.

Os obxectivos principais desta acción formativa son coñecer e analizar condicionantes que dificultan ou rompen a transmisión interxeracional da lingua galega; avaliar experiencias de intervención desenvolvidas e propor medidas de intervención que melloren a transmisión da lingua ás xeracións máis novas. O prazo de matrícula xa está aberto e pode facerse a través do web da Universidade da Coruña, clicando aquí. Os prezos de participación neste curso son de 30 euros para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e socios/as da CTNL, e de 50 euros para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os xantares do mércores e xoves, e os cafés de media mañá dos tres días. Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no curso que vai desde os 20 euros por día en cuarto individual e con almorzo incluído. Polo tanto, unha persoa de fóra de Carballo pode participar quedando a durmir na vila desde os 70 euros durante todo o curso, e con cuarto, almorzo, xantar e todas as actividades formativas incluídas. Todo grazas ao programa "#QuedamosEnCarballo" de promoción do comercio e a hostalería local.

Os contidos do curso, día a díaAo longo dos tres días participarán persoas expertas na temática do ámbito do galego, do catalán ou do éuscaro. O primeiro día, o mércores 9 de xullo, da conferencia inaugural encargarase o catedrático de Sociolingüística da Universitat d’Alacant Brauli Montoya, que falará sobre a contextualización e factores determinantes para a transmisión interxeracional da lingua. O sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo fará unha análise cuantitativa sobre a fractura da transmisión do galego ás xeracións máis novas, e a profesora, sociolingüista e coordinadora xeral da CGENDL, Valentina Formoso, analizará esa fractura desde un punto de vista máis cualitativo. A comunicadora televisiva e radiofónica Belén Regueira moderará un debate-entrevista entre nais e pais, co título «Ás nosas fillas e fillos transmitímoslles o galego, mais...». Para rematar a primeira xornada, Neves Arza, profesora da Universidade da Coruña; Dolores Oubiña, directora da escola infantil A Pastora de Cambados; Ana Abelenda, educadora da Galiña Azul da Laracha; e Rita Iglesias, directora da escola infantil Raiola de Santiago, farán unha exposición e valoración de experiencias lingüística da escolarización infantil.

No segundo día, o xoves 10, Marta Besada, ex-técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, e Adela Pita, técnica de normalización lingüística do Concello de Narón, explicarán e avaliarán intervencións levadas a cabo desde os seus concellos co obxectivo de mellorar o uso do galego por parte dos máis pequenos e pequenas. O profesor e dinamizador Luís Prego presentará o obradoiro Prende no colo, para o fomento do galego a partir de xogos de dedos, cantigas, recitados..., e a dinamizadora Ruth Caramés fará o propio cun obradoiro para o coñecemento e manexo de materiais en galego para escolas infantís. Ese día, despois dunha visita das persoas participantes no curso ao espazo natural Razo-Baldaio, con xantar na zona, o curso continuará coa presentación dunha proposta de intervención para fomentar e mellorar a transmisión interxeracional do galego, que farán Conchi Cochón, do Concello de Pontevedra; Nel Vidal, do Concello de Carballo; Soco García, do Concello de Santiago de Compostela; e Rosa Moreiras, do Concello de Ames, e que será analizada, debatida e mellorada a través de grupos de traballo.

E xa o último día, o venres 9 de xullo, a sociolingüista da Universidade Pública de Navarra, Paula Kasares, explicará que si hai camiños para mellorar a transmisión interxeracional da lingua. A continuación o cantor Xabier Díaz presentará e explicará o seu obradoiro de cantos de berce para nais, pais e formadores/as e da conferencia de clausura encargarase a profesora da Universidade da Coruña e presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo.

Os interesados e interesadas poden acceder a través desta nova á ligazón de matrícula na UDC, así como ao programa ao completo na CTNL e no web do Servizo de Normalización Lingüística da UDC.

Compartir: