Inicio Carballo ao día Hemeroteca Alumnado da Bretaña francesa visita...

A VISITA ENMÁRCASE DENTRO DO PROGRAMA EUROPEO COMENIUS REGIO

Alumnado da Bretaña francesa visita Carballo e a contorna a través dun intercambio con rapaces e rapazas do IES Monte Neme

Venres 30 de maio do 2014

O venres 30 de maio é o último día do intercambio, polo que o alumnado de Vannes e do IES Monte Neme aproveitou para ser recibido na Casa do Concello polo Alcalde, Evencio Ferrero, e pola Tenente de Alcalde e representante do Concello no Consello Escolar Municipal, Milagros Lantes, acompañados da directora do centro, Ana Alcalá, da profesora de Matemáticas da sección bilingüe, Mercedes Pérez, da profesora de Lingua Francesa, Sandra Rodríguez, e dos tres profesores da Bretaña que viñeron cos rapaces e rapazas: Sylvain Deron, Guillaume Faye e Annaëlle Le Goff. Evencio Ferrero manifestou estar "encantado de que o alumnado francés da Bretaña coñeza a nosa realidade", sobre todo nun momento "no que estamos a construír unha Europa que esperemos que sexa a Europa dos cidadáns e non a Europa dos mercados". Agredeceu unha postal que recibiu no seu momento por parte do alumnado de 3º de ESO do IES Monte Neme, que xa visitou Vannes este ano no mes de abril, e desexou "que todos nos sigamos preocupando pola situación dos nosos respectivos pobos". Pechou o acto unha alumna do IES Monte Neme, que nun perfecto francés quixo manifestar a súa satisfacción pola visita e ofrecelles aos rapaces e rapazas de Vannes "unha amizade para toda a vida". Despois, os representantes de Carballo e Vannes intercambiaron unha serie de agasallos de recordo.

Esta visita enmárcase dentro do Proxecto Comenius Regio "Échangeons notre échange scolaire" ("Intercambiemos o noso intercambio escolar") que busca promover o desenvolvemento de actividades de cooperación entre autoridades activas no eido da educación en Europa e contribuír así a mellorar a súa oferta de ensino, participando por parte de Carballo o IES Monte Neme. A iniciativa para que o centro carballés tomase parte no Proxecto Comenius Regio partiu da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O tema central son os intercambios e o seu fomento, sendo o eixe do proxecto o lanzamento dun protocolo de xestión para desenvolver este tipo de actividades. A directora do IES Monte Neme, Ana Alcalá, manifestou a súa vontade de continuar co labor das seccións bilingües no centro, e, aínda que o programa Comenius Regio xa remata, espera continuar fomentando a aprendizaxe doutros idiomas con novos programas o curso que vén.

Compartir: