Inicio Carballo ao día Hemeroteca Efecto pasillo, "Cantando a Galicia" e...

ENTRE O DOMINGO 22 E O DOMINGO 29 DE XUÑO

Efecto pasillo, "Cantando a Galicia" e o Rockin´ centran o San Xoán xunto coas cachelas, o descenso e a Festa do Bosque

Venres 6 de xuño do 2014

O pregón marca o comezo das celebracións, coma sempre acompañado pola música da Banda Municipal. Será o domingo 22 de xuño ás 21.00 horas e corre a cargo do xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do Centro Oncolóxico de Galicia, Alfonso Mariño Cotelo (1959). Mariño ten unha ampla traxectoria no mundo da medicina, e vén de ter sido designado como membro da Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía. Segundo Evencio é un "defensor do carballesismo" e unha persoa "xenerosa, humilde e solidaria". Despois do día do pregón, a noite meiga xa ofrece a primeira das verbenas na Praza do Concello. A primeira delas será a cargo da Orquestra Compostela, o luns 23 a partir das 23.00 horas. Mais este ano, a cita central das verbenas está protagonizada por Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Sito Sedes, que se unen no espectáculo "Cantando a Galicia" para ofrecer a súa particular homenaxe aos músicos galegos e ás orquestras de sempre. Despois da súa actuación, o martes 24 a partir das 23.00 horas, á 1.00 continua coa festa a Orquestra Israel.

O mércores 25, e despois dun dos concertos centrais das festas, a animación a partir das 00.30 horas é da Orquestra Trébol. E xa para achegarse á fin de festa, o xoves 26 ás 22.30 Los Satélites ofrecen o mellor do seu repertorio, seguidos o venres 27 ás 23.00 horas das orquestras Los Trovadores e Player´s e o sábado 28, como albaroque, coa orquestra Madeira -que se estrea no San Xoán- e o Grupo Nebraska. Hai que subliñar unha novidade deste ano no programa que son as sesión vermú, que, según José Antonio Deus, da Comisión, "mesturan unha cita tradicional cun tipo de música nocturna e de garitos". A primeira delas é o mércores 25 de xuño ás 14.00 horas con The Gentlemen; e a segunda o sábado 28 ás 13.30 horas con Killer Cats. Nos dous casos a cita será na rúa Valle Inclán.

Seguingo coa oferta musical, este ano o concerto grande das festas, o mércores 25 de xuño, o animan a partir das 23.00 horas as notas pop do grupo canario Efecto Pasillo, que ten acadado os primeiros postos nas listas de vendas con temas como "Pan y mantequilla" ou "No importa que llueva". Efecto Pasillo conta cunha música alegre, pegadiza e apta para todos os públicos, como demostra o amplo abano de seguidores que ten, e promete facer bailar e cantar ao público que se dea cita na Praza do Concello. Efecto Pasillo irrompeu no panorama musical español no 2010, pero en menos de catro anos converteuse nunha das iconas da música pop actual en España. O grupo canario presentará en Carballo o seu último disco, co que xirará este verán por todo o territorio nacional. Poder escoitalos nun dos grandes concertos das festas do San Xoán, e de forma gratuíta, será un luxazo para os seus seguidores e tamén para quen quieran coñecer a esta banda que xa leva máis de 50 semanas de permanencia no Top 10 das listaxes de vendas co seu último traballo discográfico.

E como contrapunto á música lixeira e animada de Efecto Pasillo, un ano máis o Rockin´ é o festival que trae os sons máis duros ao San Xoán. Wau y los Arrrgs, Idealipsticks, The Government e os carballeses Apart son os grupos que conforman o cartel. Ademais das bandas, a cita contará coa presenza dos DJs Ayrton&Senna para animar a noite nos descansos e no peche. O Rockin´ é unha das citas musicais que xa se ten convertido nun dos piares das Festas do San Xoán e que, xunto co Xiria Pop e o Sereas e Piratas compón un trío festivalero fundamental nos veráns carballeses. O Rockin´ mantén a tendencia de anos anteriores de contar con bandas máis alternativas que non adoitan saír nas radio fórmulas, pero de grande calidade e con importante presenza nos circuítos musicais galegos e españois.

Cada San Xoán xa son fundamentais dúas citas que atraen o interese de numerosos veciños e veciñas. Así, cumpre xa 27 anos o Concurso de Cachelas, mentres que chega á edición número 17 o Descenso do Anllóns. O luns 23 é o Concurso de Cachelas que reparte 1.500 euros en premios e subvencións. Até as 23.00 horas o xurado percorre os barrios de Carballo para valorar as cachelas inscritas e decidir a gañadora antes de que desaparezan baixo o lume espantando ás meigas. O mércores 25 chega outra das citas máis esperadas do San Xoán, o Descenso do Anllóns, que reparte 1.460 euros entre premios e subvencións, con saída no Bosque do Añón e chegada no Parque do Anllóns. O 1º premio está patrocinado por Reave, e distingue a orixinalidade, pero tamén hai galardóns que premian a simpatía e a velocidade no descenso, patrocinados por establecementos como The Phone House ou Espectáculos Sito. Tanto o descenso como a chegada ao pobo estarán animados pola Charanga Ruada.com.

E como non podía ser doutra maneira, antes de despedir ao San Xoán ata 2015, aínda queda un día grande coa celebración dunha das citas xa ineludibles no San Xoán, como é a Festa do Bosque, que pecha o programa o domingo 29 de xuño no Bosque do Añón, e que cumpre once anos dende que se recuperou para os festexos. Inclúe actividades para todas as idades, con citas xa tradicionais como o Concurso de Sobremesas e licores caseiros (patrocinado por Pastelaría San Luís) ou a 114 edición do Campionato Mundial de baixada de augas doces de barcos de papel, este ano patrocinado por Tien 21-Electrodoméstivos Lorama e coa animación musical do DJ David. Cada neno que participe recibirá un agasallo e as inscricións poden realizarse a partir das 17.30 horas. A sesión vermú corre a cargo do Trío Clave de Sol, mentres que despois de comer a sobremesa está animada con Xogos populares. Xa cara á noitiña, ás 21.00 horas péchase a festa co concerto de Os Tres Trebóns. A organización quere advertir á xente que reserve espazo no Bosque do Añón dende o día antes de que ás 11.00 horas serán retiradas todas as cintas. Así mesmo, este ano non estará permitida a entrada de vehículos ao recinto a partir das 12.00 horas.

Citas culturais e deportivas completan o programaO San Xoán tamén conta cunha importante parte dedicada exclusivamente á cultura e aos deportes. No apartado artístico, volve por estas datas a xa habitual exposición colectiva de creadores de Carballo e comarca, que cumpre xa sete anos. Titulada neste caso "Arte e natureza", estará no Pazo da Cultura a partir do venres 20 de xuño, e desta volta coa colaboración de 34 creadores. A música, con outros formatos distintos ao da verbena e os concertos, tamén ten cabida no San Xoán. As bandas municipais colaboran co programa de festas como cada ano, coa presenza tamén do Grupo de Gaiteiros de Cances, do Grupo de Gaitas de San Cristovo, co Grupo de Gaiteiros AC Lembranzas de Bergantiños, o Grupo de Gaitas Bergantiños de Bértoa, o Grupo de Gaitas de Arume, a Banda Eduardo Pondal de Ponteceso ou o Grupo de Gaitas Falsa Escuadra.

Hai que mencionar tamén que na programación musical hai espazo para a música coral. En primeiro lugar co XXIX Aniversario do Coro Aires de Bergantiños o sábado 14 de xuño; e xa o sábado 28 coa XVIII Mostra de Habaneras que organiza a Coral Polifónica de Bergantiños. Por último, no apartado deportivo hai que mencionar moitas citas, como a 24 edición do Trofeo de Fútbol de Peñas, o Torneo Internacional de Fútbol 7 Concello de Carballo, o X Campionato Galego de Natación Alevín, as tradicionais exhibicións de taekwondo ou de capoeira, Xogar na Rúa, ou a IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo.

Outra das tradicións que se cumpren cada ano por estas datas é a publicación da Revista de San Xoán, coordinada por Xan Fernández e Cristina Abelleira. Ponse á venda a partir do martes 10 de xuño no Museo de Bergantiños e na Ludoteca Municipal ao prezo simbólico de 2 euros. Este ano conta con varias novidades, como o incremento no número de páxinas (ata 182 grazas a suba no número de anunciantes) e cambios na maquetación e o deseño para facela máis lixeira e atractiva. Os interesados e interesadas poden consultar o programa de festexos ao completo ou o cartel gañador, en formato pdf nesta mesma nova, así como descargar as bases do XXV Concurso de Cachelas e do XV Descenso do Anllóns.

Compartir: