Inicio Carballo ao día Hemeroteca Senda Nova e o Concello presentan o Proxecto XEM...

PARTICIPAN OUTRAS TRES ENTIDADES DE ITALIA, FRANCIA E ESLOVAQUIA

Senda Nova e o Concello presentan o Proxecto XEM para fomentar o estilo de vida saudable e o medio ambiente entre a mocidade

Sábado 7 de xuño do 2014

Entre o 2 e o 9 de xullo realizaranse obradoiros dinámicos e interactivos centrados na creatividade dos participantes, no coñecemento dos recursos ambientais ou na participación da mocidade. Un total de 28 rapaces e rapazas terán a oportunidade de poñer en común proxectos de sensibilización ambiental e diferentes problemáticas de cada lugar de orixe como punto de partida para elaborar un traballo común para a busca de estratexias a favor do medio ambiente. Senda Nova conta coa colaboración de numerosas entidades da Costa da Morte, como Axvalso, Cherinkas, O Santiaguiño de Carreira, os voluntarios de Protección Civil de Carballo, Positibos ou o Asalto ao Castelo, entre outras, tentando implicar o máis posible ao tecido asociativo da comarca e engadindo un compoñente lúdico que fomente a interculturalidade e o achegamento de linguas e sociedades. Así, entre as actividades está previsto colaborar no Asalto ao Castelo de Vimianzo ou asistir a un concerto de música folk e tradicional. Así mesmo, está previsto deixar a pegada do encontro nos muros da vila a través de "Pintamos moito". Cada entidade poderá contribuír á recuperación dun muro da vila en mal estado. Menéndez afirma que Senda Nova convértese nun anfitrión humilde, debido á falta de experiencia da entidade en proxectos europeos, mais asegura que esperan suplir esa inexperiencia "con traballo e ilusión".

Entidades relacionadas coa mocidade, a cultura e o deporte

Respecto das asociacións que visitarán Carballo a primeiros de xuño, a primeira delas vén chegada de Košice, Eslovaquia. Trátase do Centro Voineho Casu CVC Kosice Youth Regional. É un centro que xoga un papel importante no apoio á educación non académica na rexión, así como no desenvolvemento de actividades deportivas, e constitúese nun punto de consulta para o programa "Xuventude en acción" e socio na zona Eurodesk de Eslovaquia. De París, Francia, veñen representantes de Jeunesse et Recontruction. Trátase dunha asociación xuvenil creada en 1948 e enfocada ao desenvolvemento da mocidade. Os traballos de campo e voluntariado son a base dos intercambios culturais que organizan e tamén son un punto de encontro para que a mocidade de distintos países realice traballos para a comunidade. Por último, dende Turín, en Italia, participa a Associazione Onlus Levitazione, que desenvolve numerosas actividades relacionadas coa música, o teatro, o xornalismo, o baile, o mundo audiovisual, a pintura, os xogos, etc. Son actividades creativas enfocadas a promover e estender entre a xente nova a participación activa e a cidadanía democrática. Todas traballarán con Senda Nova a prol de construír proxectos e estratexias para a mellora do medio ambiente.

O Concelleiro de Medio Ambiente, Marcos Trigo, un dos impulsores da iniciativa ao suxerirlle a Senda Nova a posibilidade de que optasen a participar no proxecto, expresou que é "unha satisfacción ver como as entidades de Carballo teñen a capacidade para embarcarse nun proxecto deste tipo". Quixo transmitirlle os seus parabéns á asociación, que está seguro de que sacará o maior proveito desa intensa semana de actividades. Así mesmo, Trigo subliñou que "é a primeira vez que unha entidade de Carballo organiza directamente un proxecto europeo", e espera que a proposta sirva para "que o nome de Carballo sexa coñecido por Europa adiante". Por último, quixo ter verbas para a temática do proxecto XEM, "que insiste na formación e na educación medioambiental", fundamental nos tempos que corren, e desexou "que moitos mozos e mozas de Carballo se animen a participar".

Compartir: