Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello conta xa co documento para a...

AS ALEGACIÓNS SUPOÑEN UN INCREMENTO DUNHAS 2.500 VIVENDAS

O Concello conta xa co documento para a aprobación provisional no PXOM e remitirallo á Xunta para que elabore a memoria ambiental

Venres 6 de xuño do 2014

Ao mesmo tempo que a Xunta elabora a memoria medioambiental, convocarase unha Comisión informativa de Urbanismo para o venres 27 de xuño co obxectivo de que todos os grupos municipais comproben o informe de alegacións, que presenta pequenos cambios despois da revisión do equipo redactor, todos "necesariamente impostos pola normativa vixente", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero. E tamén para que coñezan de primeira man as modificacións derivadas dos informes emitidos pola Xunta. O obxectivo é axilizar todos os trámites para que duren o menos posible. Coa inclusión das alegacións, o novo PXOM incrementa a edificabilidade residencial en arredor de 2.500 vivendas, aproximadamente; e tamén incrementa o número de novos asentamentos en 19. Así mesmo, o equipo redactor vén de incorporarlle ao documento a última cartografía actualizada do Concello. O documento para a aprobación provisional inclúe así mesmo a situación dos edificios fóra de ordenación, tanto no medio urbano, como no rural, e recolle todas as decisións adoptadas durante a celebración das comisións que se axustan á normativa vixente. O goberno espera que, se a Xunta remite a memoria medioambiental no prazo habitual de dous meses, o pleno estea en disposición de aprobar o documento para a aprobación provisional do PXOM despois do verán.

Compartir: