Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 1.500 inscritos e inscritas para...

A PROBA PECHARÁ VARIAS VÍAS ENTRE AS 10.00 E AS 14.00 HORAS

Preto de 1.500 inscritos e inscritas para participar o 15 de xuño na IV Carreira Popular Concello de Carballo

Venres 13 de xuño do 2014

O Concello, a través da Policía Local, recomenda realizar as saídas e entradas de vehículos dos garaxes e a circulación por esas rúas con antelación ou posterioridade ao horario citado, e se, por razón de causa maior, precísase circular nese horario, hai que facelo unicamente despois de advertir á Policía Local e ser autorizado e supervisado polos axentes. Do contrario enténdese prohibida a circulación. Así mesmo, e coa fin de causar as mínimas molestias á cidadanía, para aquelas persoas que precisen acceder á vila neses horarios recoméndanse empregar unha serie de itinerarios alternativos, mentres que para quen precise atravesala recoméndase usar a estrada circunvalación a Carballo. Respecto dos itinerarios alternativos que propón a Policía Local son os seguintes: para ir dende A Coruña a Santiago tomar a Vila de Negreira á altura do Bar Caracola en Bértoa e tomar logo a Rúa Compostela; para ir dende A Coruña a Malpica, recoméndase ou usar a circunvalación, ou á altura da rúa Alfredo Brañas xirar cara ao CCBergantiños e logo tomar a avenida da Ponte da Pedra e tomar dirección a Malpica; dende A Coruña a Fisterra, recoméndase usar a circunvalación, ou ben xirar na rúa Alfredo Brañas en dirección ao CCBergantiños e logo tomar a rúa Perú e a Luís Calvo ata chegar á rúa Celso Emilio Ferreiro e poder tomar a AC-552.

Respecto das características da carreira, trátase dunha proba oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) cunha distanza homologada de 10.000 metros, e baixo o control técnico do Comité de Xuíces da FGA. Colaboran na organización da proba a FGA, os Entes Deportivos Club Atletismo Carballo, AD Media Ducia e o Club Ciclista Carballo-Placasa, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Carballo e a Policía Local. Na IV Carreira Popular 10 Km Concello de Carballo, os dorsais e os chips recolleranse na zona habilitada a tal efecto na Praza do Concello o día da carreira entre as 9.30 e as 11.15 horas, ou no seu defecto, 45 minutos antes da saída de cada categoría, coa presentación do DNI ou documento similar acreditativo. Tamén será posible recoller os dorsais o sábado 14 no primeiro andar do edificio do Mercado Municipal de 18.00 a 20.00 horas. Esta actuación enténdese como "Pasar Cámara de Chamadas". Aqueles chips entregados pola organización deberán ser devoltos á mesma á chegada a meta. O incumprimento desta norma supón a descualificación e sanción de 10€.

Os interesados e interesadas poden consultar un mapa de situación do percorridos da carreira en pdf nesta mesma nova, así como regulamento ao completo da proba no que se inclúen os horarios para cada categoría.

Compartir: