Inicio Carballo ao día Hemeroteca O CEIP Gándara-Sofán gaña o...

NESTA EDICIÓN PARTICIPARON DOCE CENTROS DA COMARCA

O CEIP Gándara-Sofán gaña o II Concurso escolar de reciclaxe de aceite usado "Carballo tamén en botella"

Venres 20 de xuño do 2014

Dende Reave consideran satisfactorio o incremento no número de centros participantes, pasándose de sete a doce coa presenza, ademais dos dous gañadores, do CEIP Nétoma-Razo, do CEIP A Cristina, do CEIP Xesús San Luís Romero, do CEIP Bergantiños, do CEIP Fogar, do CEIP Milladoiro de Malpica, do CEIP Joaquín Rodríguez de Buño, do CEIP Ramón Otero Pedrayo da Laracha, do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, e do CEIP de Caión. Porén, consideran que, a pesar de evitarse que máis de 3.000 litros de aceite contaminen a auga a través dos sumidoiros, a proporción axeitada para o número de alumnado dos centros sería a recollida de 20.000 litros. Por ese motivo, ademais de agradecer a colaboración dos centros até o de agora, aseguran que o ano que vén volverá o concurso con novas actividades de concienciación e tentando mellorar as cifras. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo tamén agradecer a colaboración da comunidade educativa nesta iniciativa, "para fomentar o respecto ao medio ambiente", e desexou, ao igual que Reave, "que o próximo curso cada centro mellore os seus resultados".

Campaña de composteiros nos colexios o próximo curso

O Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, tamén presente na entrega de diplomas, anunciou así mesmo que o Concello continuará traballando a prol do medio ambiente durante o próximo curso, non só a través da promoción nos centros de ensino da reciclaxe do aceite usado, senón tamén con outras iniciativas. Unha delas será a colocación de composteiros nos colexios que así o soliciten para poder realizar compost cos refugallos que acheguen os cativos e cativas e introducilos neste sistema de xestión de lixo que reintegra os restos orgánicos no proceso produtivo do solo como fertilizante. A campaña nos centros de ensino formará parte dunha iniciativa maior para levar composteiros ao medio rural coa colocación de arredor de medio centenar nas casas de particulares que así o soliciten para que se coñeza a compostaxe e tamén para difundila como práctica habitual nas parroquias.

Respecto do concurso, os interesados e interesadas poden acceder nunha ligazón nesta mesma nova á clasificación completa do certame.

Compartir: