Inicio Carballo ao día Hemeroteca Continúa a implantación de...

ALGUNHAS RÚAS, COMO A LUÍS CALVO, XA CONTAN CO NOVO SISTEMA

Continúa a implantación de lámpadas LED no alumeado do rural e das rúas do casco urbano para optimizar o aforro e a visibilidade

Venres 20 de xuño do 2014

Respecto da eliminación que se está realizando dalgunhas das lámpadas que os técnicos con consideran imprescindibles, o Concello e a UTE revisarán as reclamacións presentadas polos veciños e veciñas e volveranse colocar todos os focos que sexan necesarios por motivos de seguridade. O proceso para a implantación da tecnoloxía LED no alumeado carballés comezou despois de que durante o pasado mes de marzo se realizasen as primeiras probas en 40 puntos de luz nas parroquias de Lema, Sísamo e Oza. Naquel momento tomáronse medidas luminotécnicas para contrastar o cumprimento dos niveis esixidos pola normativa e determinar as ópticas que mellor se adaptan en cada unha das zonas ao alumeado existente e sempre co obxectivo de mellorar a visibilidade. Ao final do proceso teranse substituído arredor de 7.500 luminarias en todo o territorio municipal.

Novo sistema para avisar das anomalías no alumeado

O Concello de Carballo e Ferroser-Ferrovial tamén queren lembrar que existe un número de teléfono a través do que poderán contactar os veciños e veciñas para trasladar calquera anomalía que se perciba no alumeado público. Dende primeiros de marzo está dispoñible o 902 350 365, un servizo de Call Center da empresa concesionaria no que se recollerán os avisos que a poboación de Carballo queira comunicar durante as 24 horas do día, os sete días da semana. O custo da chamada é o mesmo que o dunha chamada interprovincial. Hai que lembrar, así mesmo, que a través de <www.carballo.org> no servizo Avisaweb os cidadáns, indicando o seu nome e o número de teléfono ou a dirección de enderezo electrónico, poden informar da existencia de puntos de luz fundidos, de avarías nun cadro de luz ou de calquera outro problema. Os usuarios e usuarias deben detallar a dirección do lugar no que viron a deficiencia e a data de detección. Mediante esta ferramenta, poden mesmo colgar fotografías e indicar nun mapa de Google Maps o punto exacto no que detecten a incidencia. De forma inmediata, unha vez cumpridos os datos, o cidadán recibirá un SMS ou un correo electrónico indicándolle que a súa notificación está recibida e en proceso de resolución. Posteriormente, cando os técnicos a solucionen, enviaráselle outro aviso informándoo de que a incidencia está emendada.

Compartir: