Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a adxudicación do contrato...

CONVENIO CON CORISTANCO E MALPICA PARA O SERVIZO DO CIM

O pleno aborda a adxudicación do contrato da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)"

Venres 27 de xuño do 2014

Outro dos asuntos incluídos na orde do día é a Constitución dunha Agrupación de concellos e dun Convenio de colaboración cos concellos de Coristanco e Malpica en orde á prestación conxunta do servizo do Centro de Información á Muller (CIM). Así, o CIM de Carballo atende nas súas funcións, ademais de a cidadáns de Carballo, a persoas doutros concellos da comarca, na súa maior parte de Coristanco e Malpica. Por outra banda, a Xunta concede un máximo de 45.000 euros de axuda a un único concello polo CIM, mentres que o custo do servizo no Concello de Carballo é de 55.307,76 euros. Coa agrupación de tres concellos, posibilítase solicitar ata un máximo de 100.000 euros para o CIM, ademais de que se regulariza a situación de facto que se vive porque o servizo chega a máis cun concello da comarca. O acordo, por tanto, permitirá que se solicite unha subvención de 55.307,76 euros en 2014 para tentar cubrir os gastos, mais co obxectivo de ampliar o servizo de asesoría xurídica en 2015 para que o haxa tamén en Malpica e Coristanco, tentando aproveitar o importe máximo da subvención. O acordo especifica que a xestión do servizo será realizada polo Concello de Carballo, e incluirá todo o relacionado cos materiais técnicos ou de servizo (sexa tramitación administrativa, instalación, reparación e mantemento de infraestruturas, xestión de persoal, xestión de axudas, etc.).

Escrito de apoio á plantilla de Celsa Atlantic

O pleno recolle na orde do día, aínda que sen ter sido ditaminado aínda pola comisión informativa, un escrito presentado polo comité de empresa de Celsa Atlantic SL no que se solicita o apoio da corporación, en nome de todos os veciños e veciñas do Concello, aos traballadores da entidade ante as medidas de despedimentos que se teñen adoptado. Os traballadores solicitan que se apoien todas as iniciativas a prol dun emprego digno en Celsa Atlantic SL por "ser unha fábrica con potencial e capacidade produtiva" e que se esixa á empresa "a retirada dos 56 despedimentos e das medidas de peche lento da fábrica". Por último, no escrito ínstase á Xunta de Galicia a unha "actuación firme e contundente na defensa do emprego e das reivindicacións que fai a plantilla de Celsa Atlantic SL", tamén a favor da defensa "do futuro industrial da comarca". Durante a sesión deberá ratificarse ou non a inclusión desta moción na orde do día.

Dentro dos asuntos de trámite, o pleno recolle a declaración de resolución da concesión demanial do posto E12 (Exterior 12) do Mercado Municipal do Concello de Carballo. Os motivos son múltiples, e inclúen o feito de que o posto permaneceu pechado, excedendo do tempo máximo de peche temporal autorizado e carecendo da preceptiva autorización municipal; a falta de pagamento do canon da concesión, segundo o disposto nas ordenanzas fiscais e no regulamento; e a falta de pagamento das taxas municipais. Por último, inclúese na sesión o recoñecemento da compatibilidade solicitada polo funcionario municipal, Luis Alberto Rodríguez Pérez, para o desempeño dun segundo posto de traballo no sector privado, un acordo que na comisión informativa foi ditaminado por unanimidade de forma favorable.

Compartir: