Inicio Carballo ao día Hemeroteca Buscar mecanismos para transmitirlle o galego...

ENTRE O MÉRCORES 9 E O VENRES 11 DE XUÑO NO FÓRUM CARBALLO

Buscar mecanismos para transmitirlle o galego á mocidade: obxectivo do X Curso de Verán sobre Normalización Lingüística

Luns 30 de xuño do 2014

Durante tres intensas xornadas, persoas expertas, nais e pais, traballadores de normalización, docentes, xente do ámbito asociativo, etc., reunirase para intentar buscar respostas dun xeito fundamentalmente práctico coa análise, avaliación e proposta de medidas de intervención. Así, os obxectivos principais do curso son coñecer e analizar condicionantes que dificultan ou rompen a transmisión interxeracional da lingua galega, avaliar experiencias xa desenvolvidas e debater, propor e consensuar medidas de intervención práctica que melloren a transmisión da lingua ás xeracións máis novas. Hai que mencionar que o prazo de inscrición permanece aberto até o 4 de xullo a través do web da Universidade da Coruña, ao que se pode acceder clicando aquí. Xose Regueira, Concelleiro de Normalización Lingüística, manifestou o apoio da administración local a estas iniciativas "que teñen unha vertente formativa, pero que tamén traen a Carballo a persoas relacionadas coa Universidade" que, en última instancia tamén "poden axudar a poñer en valor o noso patrimonio". O Alcalde, á súa vez, considera que "sempre é de agradecer que a Universidade pense en Carballo para este tipo de xornadas e que poña sobre da mesa retos e preocupacións futuras", como é o obxectivo de que "a mocidade asuma o galego como idioma propio do país e o defenda e o fale como tal".

Prezos de inscrición e contidosOs prezos de participación neste curso son de 30 euros para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e socios/as da CTNL, e de 50 euros para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os xantares do mércores e xoves, e os cafés de media mañá dos tres días. Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no curso que vai desde os 20 euros por día en cuarto individual e con almorzo incluído. Polo tanto, unha persoa de fóra de Carballo pode participar quedando a durmir na vila desde os 70 euros durante todo o curso, e con cuarto, almorzo, xantar e todas as actividades formativas incluídas. Todo grazas ao programa "#QuedamosEnCarballo" de promoción do comercio e a hostalería local. Respecto dos contidos polo miúdo, este ano hai que subliñar como novidade unha visita ao espazo natural de Razo-Baldaio o xoves 10, con xantar incluído, grazas á colaboración da Asociación Ambiental Senda Nova. Unha actividade lúdica que supón un pequeno respiro dentro do programa de conferencias e mesas redondas e de traballo e que tamén ten como obxectivo dar a coñecer o patrimonio carballés.

Por orde cronolóxica, o primeiro día, o mércores 9 de xullo, da conferencia inaugural encargarase o catedrático de Sociolingüística da Universitat d’Alacant Brauli Montoya, que falará sobre a contextualización e factores determinantes para a transmisión interxeracional da lingua. O sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo fará unha análise cuantitativa sobre a fractura da transmisión do galego ás xeracións máis novas, e a profesora, sociolingüista e coordinadora xeral da CGENDL, Valentina Formoso, analizará esa fractura desde un punto de vista máis cualitativo. A comunicadora televisiva e radiofónica Belén Regueira moderará un debate-entrevista entre nais e pais, co título «Ás nosas fillas e fillos transmitímoslles o galego, mais...». Para rematar a primeira xornada, Neves Arza, profesora da Universidade da Coruña; Dolores Oubiña, directora da escola infantil A Pastora de Cambados; Ana Abelenda, educadora da Galiña Azul da Laracha; e Rita Iglesias, directora da escola infantil Raiola de Santiago, farán unha exposición e valoración de experiencias lingüística da escolarización infantil.

No segundo día, o xoves 10, Marta Besada, ex-técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, e Adela Pita, técnica de normalización lingüística do Concello de Narón, explicarán e avaliarán intervencións levadas a cabo desde os seus concellos co obxectivo de mellorar o uso do galego por parte dos máis pequenos e pequenas. O profesor e dinamizador Luís Prego presentará o obradoiro Prende no colo, para o fomento do galego a partir de xogos de dedos, cantigas, recitados..., e a dinamizadora Ruth Caramés fará o propio cun obradoiro para o coñecemento e manexo de materiais en galego para escolas infantís. Ese día, despois da visita e xantar no espazo natural Razo-Baldaio, o curso continuará coa presentación dunha proposta de intervención para fomentar e mellorar a transmisión interxeracional do galego, que farán Conchi Cochón, do Concello de Pontevedra; Nel Vidal, do Concello de Carballo; Soco García, do Concello de Santiago de Compostela; e Rosa Moreiras, do Concello de Ames, e que será analizada, debatida e mellorada a través de grupos de traballo.

E xa o último día, o venres 11 de xullo, a sociolingüista da Universidade Pública de Navarra, Paula Kasares, explicará que si hai camiños para mellorar a transmisión interxeracional da lingua. A continuación o cantor Xabier Díaz presentará e explicará o seu obradoiro de cantos de berce para nais, pais e formadores/as e da conferencia de clausura encargarase a profesora da Universidade da Coruña e presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo. Os interesados e interesadas poden acceder a través desta nova á ligazón de matrícula na UDC, así como ao programa ao completo no web do Servizo de Normalización Lingüística da UDC.

Compartir: