Inicio Carballo ao día Hemeroteca Praia, deporte, o Pequepop e moita música...

NO AREAL DE RAZO NA XORNADA DO 2 DE AGOSTO

Praia, deporte, o Pequepop e moita música coa presenza de Delorean e Nudozurdo no IX Festival Sereas e Piratas

Xoves 17 de xullo do 2014

Como ocorrera o ano pasado, ademais do aspecto musical nocturno máis festivaleiro o Sereas e Piratas compleméntase con numerosas actividades deportivas e lúdicas durante o día. Así, o surf é un dos protagonistas, coa celebración dun Campionato Lembranza no mar de Razo. Celébrase, así mesmo, un Campionato de Skate en Minirampa nas instalacións do Artsurfcamp. E, por último, o festival tamén serve de marco para o III Torneo de Volei-praia Sereas e Piratas na explanada, que ofrece interesantes premios en metálico. Ademais, na zona onde estará situada a carpa (a carón do Parque Infantil da praiza de Razo) o festival compleméntase cunha terraza de acceso gratuíto coa que gozar todo o día e na que ao mediodía poderase degustar unha comida campestre a un "prezo módico", segundo explica a organización. Alí tamén poderán adquirirse obxectos de merchandising, outra novidade este ano, como camisetas para nenos e nenas a 10 euros; para adultos e adultas a 12 euros e bolsas de tela a 6 euros. Todo está deseñado por Oti Fernández Fotografía, ao igual que o cartel do festival. Volven, ademais, as piruletas de chocolate do festival, a 1,5 euros; e o divertido Photocall para os asistentes. E terán lugar a sesión vermú, a sesión de tarde e unha sesión de música con Chulapos DJ e Kike do pub La fábrica de Chocolate de Vigo.

Prezos e venda de entradasRespecto dos prezos e a venda de entradas, anticipadamente poden adquirirse por 12 euros: en Carballo en pub O Patacón, no Belle Epoque e na tenda Teirón; en Malpica no Submarino; na Coruña en Portobello; e en Santiago en A Reixa tenda. A entrada en taquilla custa 15 euros. Como en anos anteriores, haberá un espazo reservado para a acampada gratuíta dos asistentes. O Concelleiro de Mocidade, Daniel Pérez, quixo gabar a proposta do Sereas e Piratas, non só "como unha proposta musical e festiva xa asentada", senón como unha oportunidade "para situar a Carballo no mapa e axudar a vender o noso litoral", cun espazo como o de Razo. Para Pérez, a filosofía do festival cadra moito co tipo de acontecementos que apoia a administración local, ademais de ser unha cita na que se deron a coñecer grupos como Delorean, que xa estivo hai sete anos en Razo e agora repite; ou Novedades Carminha, que estiveron no Sereas cando eran uns descoñecidos e agora son presenza obrigada en moitos dos festivais de Galicia e de España. Así mesmo, este ano conseguiron sumar novos patrocinadores como Jägermeister ou Reef, entre outros.

Ademais de estar organizada pola Asociación Cultural Rebeldía, a cita conta coa colaboración e o patrocinio, unha volta máis, do Concello de Carballo, así como coa colaboración doutras entidades como a Federación Galega de Surf, o Artsurfcamp, o Silfocamp, a Asociación Coruñesa de Skaters e a Escola de Volei de Carballo. Os interesados/as en obter máis información sobre o festival, sobre a maneira de participar nas actividades deportivas como o skate, o suf e o volei-praia, ou en contactar coa organización, poden facelo visitando o web do Sereas e Piratas, e tamén a través das redes sociais en Facebook, Twitter e Instagram. Nesta novena edición, ademais, con sorteos previos á celebración do festival no que se regalarán entradas ou CDs e vinilos da discográfica Elephant Records.

Compartir: