Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sesenta persoas benefícianse de catro...

SON MÁIS DE 2.600 HORAS LECTIVAS PARA DESEMPREGADOS/AS

Sesenta persoas benefícianse de catro cursos AFD de Cociña, Restauración, Soldadura e Electricidade no Fórum Carballo

Venres 18 de xullo do 2014

Respecto das características de cada un dos cursos, o curso de cociña comezou o pasado 20 de xuño e remata o 11 de decembro de 2014. Conta con 848 horas lectivas nas que 15 alumnos e alumnas desenvolverán os procesos de pre elaboración, preparación, presentación e conservación de toda clase de alimentos, ademais de aprender a definir ofertas gastronómicas, aplicando con autonomía as técnicas correspondentes, conseguindo a calidade e obxectivos económicos establecidos e respectando as normas e prácticas de seguridade e hixiene na manipulación alimentaria. O curso de Servizos de Restaurante conta con 618 horas lectivas que comezaron o 1 de xullo e rematarán o 4 de decembro deste ano. O alumnado aprenderá a desenvolver e montar todo tipo de servizos de alimentos e bebidas en restaurante e preparar elaboracións culinarias á vista do comensal, aplicando con autonomía as técnicas correspondentes, recibindo e atendendo ao cliente, utilizando en caso necesario, a lingua inglesa, conseguindo a calidade e obxectivos económicos establecidos e respectando as normas e prácticas de seguridade e hixiene na manipulación alimentaria.

A acción formativa de Soldadura Oxigás e Soldadura MIG/MAG comezou o 1 de xullo e remata o 5 de decembro, contando cun total de 678 horas lectivas. O seu principal obxectivo é formar a 15 alumnos e alumnas na soldadura e nas proxeccións térmicas por oxigás, soldaduras con arco baixo gas protector con electrodo consumible (MIG, MAG) e proxeccións térmicas con arco. Por último, o curso de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de Telecomunicacións en edificios principia o 1 de agosto e finalizará o 5 de decembro. Conta cun número total de 458 horas. Estará formado por 15 alumnos e alumnas que realizarán operacións auxiliares no montaxe e mantemento de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios para diversos usos e instalacións. A selección deste curso realizarase no Fórum Carballo o 23 de xullo a partir das 9.00 horas.

Prácticas en empresas

Ademais da formación no Fórum Carballo, os cursos están dotados, ao remate dos diversos módulos formativos, dun módulo de prácticas non laborais. A duración deste módulo é de 80 horas nos cursos de Cociña, Servizos de restaurante e de Operación auxiliares de electricidade , mentres que no caso de Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG é de 40 horas lectivas. As prácticas en empresas van incluídas no programa formativo do curso e só poderá acudir o alumnado que supere satisfactoriamente o resto dos módulos formativos. As empresas destinatarias destas prácticas non laborais son principalmente da localidade e concellos da contorna. Por último, dentro de cada acción formativa, impartiranse tamén módulos transversais comúns para todas, como o de formación para a igualdade de 8 horas; o de inserción laboral, sensibilización medioambiental e na igualdade de xénero cunha duración de 10 horas; creación de empresas de 20 horas para o curso de cociña e servizos de restaurante; ou o curso de básico de prevención de riscos laborais para a familia profesional de fabricación mecánica e de electricidade (60 horas).

Compartir: