Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nace na costa carballesa o movemento "Surf...

"SEMPRE QUE VAIAS SURFEAR, RECOLLE ALGO DA PRAIA"

Nace na costa carballesa o movemento "Surf & Clean" co obxectivo de estender a conciencia sobre o problema do lixo nos océanos

Venres 18 de xullo do 2014

O obxectivo final é que este hábito se converta nun movemento que se expanda a surfeiros doutras praias, que despois se sumen outros deportes acuáticos (kite-surf, mergullo, windsurf, kayaking, etc.) e que finalmente chegue ao resto da sociedade. Durante os meses de xullo e agosto levaranse a cabo diversas accións, entre as que destacan talleres semanais nas escolas de surf, o concurso fotográfico "Colabora co movemento Surf and Clean" e a gravación da canción "Non botes o lixo no mar". A relación completa de accións que se estarán desenvolvendo ao longo deste verán son:

  • Pegar un adhesivo en cada táboa dos surfeiros locais ou aprendices que nos lembre recoller algo da area despois de cada baño.
  • Realización de talleres semanais nas escolas de surf que inclúen charlas, vídeos e percusión con instrumentos construídos a partir de residuos mariños recollidos nesa mesma praia.
  • Concurso fotográfico "Colabora co movemento Surf & Clean". Neste concurso, as fotos dos participantes utilizaranse para crear un símbolo en Razo-Baldaio. As 10 fotos mais votadas de cada rede social exporanse en Carballo e sortearanse 5 packs de premios entre todos os participantes. Poderá participarse a través de Facebook, Twitter e Instagram. Ademais, seguindo o exemplo do "Legado de Tibu", pediráselle ás persoas participantes que nomeen a outros tres para que participen. (Participa en www.surf-and-clean.com). É posible descargar as bases nesta mesma nova en pdf.
  • Durante o mes de agosto gravarase con todas as persoas que asistisen aos campamentos de surf a canción "Non botes o lixo no mar", que é unha samba en galego que fará de banda sonora do movemento este verán. Pódese seguir o avance da gravación ou axudar a que sexa posible a través da campaña de crowdfunding.
  • Recollidas periódicas na praia de Razo-Baldaio.
  • Participación en festivais de música da zona (Sereas e Piratas, na praia de Razo o 2 de agosto)
  • Distribución de adhesivos en todos os comercios locais, aos que se fará participes para que eles á súa vez conten a iniciativa a outras persoas. Trátase de que os surfeiros fagan de altofalante, pero o obxectivo último é contar coa participación de toda a sociedade.

Os interesados e interesadas poden ver nesta mesma nova un dos vídeos dos obradoiros de percusión nos que os participantes realizan instrumentos con lixo recollido do mar. Nel reprodúcese a canción "Non botes o lixo no mar".


Poden verse máis vídeos na canle de Youtube de Surf and Clean, clicando aquí.

Compartir: