Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Club Artai e Basket Xiria asinan un acordo de...

ÚNENSE OS ESFORZOS DE 1.800 SOCI@S E MÁIS DE 270 XOGADORES/AS

O Club Artai e Basket Xiria asinan un acordo de colaboración co obxectivo de facer medrar o baloncesto carballés

Xoves 24 de xullo do 2014

Outra das grandes metas desta colaboración é o esforzo que suporá para as categorías femininas, xa que esta unión fará posible no futuro acadar todas as franxas de idade. Así, o reto a máis longo prazo é o de crear un equipo sénior feminino, o que non ocorre en Carballo dende hai décadas. Esta tempada xa se contará cun equipo de nenas en categoría júnior, e "aínda que non para esta tempada, traballarase no equipo sénior como obxectivo de futuro", en verbas de Joaquín Moreira. Respecto da letra pequena do acordo, a vinculación entre os clubs terá vixencia durante a tempada 2014/2015 dende o 1 de agosto de 2014 até o 30 de xuño de 2015, coa posibilidade de prorrogalo previo acordo entre as partes. Afectará ás categorías cadete, infantil e júnior, mais despois desta primeira experiencia estudarase a posibilidade de reducir ou ampliar o número de equipos implicados. Todos os xogadores vinculados continuarán pertencendo ao club de orixe e terán a decisión final sobre en qué club xogar en caso de ser suxerido polos adestradores un cambio de equipo. Está previsto que os clubs manteñan reunións periódicas para analizar a evolución do convenio, tanto dende o punto de vista deportivo como dende o administrativo. De feito, Joaquín Moreira quixo subliñar o traballo xa realizado por parte das dúas entidades, que ven reflectido neste acordo o esforzo de "moitas horas" durante moitos meses.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, manifestou a "honra que supón estar neste acto con catro persoas que nos últimos anos foron o baloncesto carballés", como son os propios Joaquín Moreira e Diego Vázquez, e os adestradores Arturo Ferraces, do Xiria, e Javier Cotelo, do Artai, que estiveron na cita xunto coa directora do Colexio Artai, Chelo García, así como nais e pais de xogadores/as dos dous clubs. Así mesmo, Ferrero quixo transmitir en nome de todos o seu agradecemento a Luciano Calvo, de Conservas Calvo, outro dos grandes artífices do acordo que non puido estar na formalización da vinculación ao atoparse fóra de Carballo. Para o Alcalde, "esta fusión vén dende a fortaleza que viven agora os dous clubs" que a partir de agora "seguirán creando sinerxías para incrementar esta fortaleza". Espera que a súa "madureza e capacidade organizativa supoñan pasos bos para os clubs e para o baloncesto, pero sobre todo para os rapaces e rapazas e as súas familias". Para rematar, transmitiu todo o apoio do Concello nesta nova andaina que emprenden, xa que "o baloncesto en Carballo vai ser moito mellor co paso que ides dar".

Compartir: