Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Fórum ten acollido no que vai de 2014 un...

IMPARTÍRONSE NO COMPLEXO 32 ACCIÓNS FORMATIVAS

O Fórum ten acollido no que vai de 2014 un total de 64 actividades organizadas por máis de 30 entidades de Carballo e a contorna

Mércores 23 de xullo do 2014

Hai que subliñar, que durante todo o ano 2013 desenvolvéronse un total de 85 actividades de 40 entidades, polo que a este ritmo, e tendo en conta que en tan só sete meses de 2014 téñense realizado xa 64 actividades, o Concello espera superar amplamente esa cifra este exercicio, dotando as instalacións de cada vez máis contidos. De feito, no mes de maio realizouse a mudanza das oficinas da Consellería de Medio Rural dende a rúa Igrexa ao primeiro andar do Fórum e está previsto que en breve tamén se instale na planta baixa a Oficina de Emprego da Consellería de Traballo e Benestar despois da sinatura do acordo en novembro de 2013. No que respecta a citas puntuais, o Fórum foi o escenario por segundo ano consecutivo do Salón ExpoVoda do Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo; acolleu todas as actividades paralelas do I Festival de webseries Carballo Interplay (CIP); foi o marco por segundo ano consecutivo para o Foro da Formación e da Empresa que organizan os centros de secundaria e formación profesional de Carballo e a contorna; ou incluso acolleu unha clase maxistral de cociña con dous chefs que suman catro estrelas Michelín: Adrián Felípez, que formou parte do equipo del El Celler de Can Roca; e Javier Olleros, xerente do restaurante Culler de Pau galardoado cunha estrela Michelín.

Charlas e xuntanzas de numerosas entidades

O Fórum está tamén consolidado definitivamente como espazo de xuntanzas, conferencias e charlas. A polivalencia do salón de actos da nave 1 fai posible que numerosas asociacións aproveiten este servizo como a Axencia Tributaria, a Asociación Galega de Apicultura ou a Asinec, así como a Asociación Ambiental Senda Nova, a Asociación de criadores de ovino e caprino ou a mutua MC Mutual. Así mesmo, tense convertido en espazo de exposicións, en primeiro lugar cunha permanente centrada na promoción turística de Carballo á que teñen acceso os visitantes do recinto, pero tamén como un espazo de exhibición e exposición de material de policía para a Garda Civil de Carballo ou para acoller exposicións máis artísticas, como "Galicia en B&N" que estará no recinto do 24 de xullo ao 15 de agosto. Ademais, o Fórum ten sido sede de citas deportivas, como a XII Marcha Cicloturista a Bergantiños do Club Ciclista Carballo. As actividades manteñen case continuamente ocupadas as instalacións do Fórum, con épocas, como o segundo trimestre do ano, no que se teñen acumulado un total de 37 citas.

Compartir: