Inicio Carballo ao día Hemeroteca O novo alumeado de Carballo supón un...

EN AGOSTO REMATARÁ A SUBSTITUCIÓN DAS 7.500 LUMINARIAS

O novo alumeado de Carballo supón un aforro do 80 por cento no consumo e unha mellora visual e medioambiental

Venres 25 de xullo do 2014

A empresa tamén asumirá a instalación dun sistema de detección de presenza de viandantes nos semáforos colocados nos pasos de peóns, a colocación dun punto de recarga para vehículos eléctricos ou a dotación do alumeado festivo durante o San Xoán e o Nadal, entre outras melloras. Respecto das vantaxes respecto do alumeado vello, as lámpadas LED teñen unha vida útil de entre dez e doce anos, pero a partir dese momento non se funden, senón que diminúe a calidade da luz. No que respecta ao mantemento, dende que comezou a instalación das novas luminarias xa se ten rexistrado un descenso substancial dos avisos que se reciben a través da canle de comunicación cos usuarios, de xeito que practicamente non se están a recoller notificacións de puntos de luz fundidos e os que hai afectan ás vellas bombillas de vapor de sodio. Ademais, unha vez remate a substitución de todas as luminarias, a UTE Ferroser-Ferrovial levará a cabo un saneamento das instalacións para evitar o salto de diferenciais que producen apagóns, o que prexudica a seguridade que se busca co novo sistema de iluminación.

Menos dióxido de carbono e mellor alumeado viario

Medioambientalmente, o uso de lámpadas LED contribúe a reducir as emisións de dióxido de carbono á atmósfera, o que crea unha contorna máis agradable. Así mesmo, redúcese de maneira drástica a contaminación lumínica, xa que a iluminación dos led é de 180 graos, fronte aos 360 das lámpadas de vapor de socio. É dicir, as farolas de toda a vida lanzan a luz cara arriba en vez de iluminar cara abaixo, que é onde se necesita a luz, e isto é o que se consegue cos LED. As novas lámpadas propician unha mellor reprodución cromática, xa que ao ser unha luz neutra non modifica as cores, mentres que as de vapor de sodio provocan un efecto "marelo-alaranxado" en todo o seu radio de cobertura. Ademais, nas zonas regulares -aquelas nas que existe unha distancia equidistante entre puntos de luz ou están situados a ambas marxes da vía- conséguese unha uniformidade total: evítanse as sombras, o que conleva unha maior seguridade viaria, tanto para os condutores coma para os peóns.

Respecto de se cambia a calidade do alumeado, o sistema convencional de lámpadas de vapor de sodio ofrece peor calidade de luz pero máis abundante, mentres que os LEDs dan máis calidade pero máis concentrada. O alumeado LED ofrece unha luz branca cunha alta reprodución cromática que axuda a distinguir mellor as cores, os obxectos, as persoas e os vehículos. Estudios realizados conclúen que, a nivel viario, a luz branca dos LED permite ver mellor.

Compartir: