Inicio Carballo ao día Hemeroteca As análises indican que tres das catro...

O BAÑO ESTÁ PERMITIDO NA CABREIRA E NA ZONA DOS SOCORRISTAS

As análises indican que tres das catro zonas de baño habilitadas na praia de Razo teñen unha calidade de auga "excelente"

Luns 28 de xullo do 2014

O Alcalde e o Concelleiro de Medio Ambiente tamén reiteran que en todo o momento os usuarios e usuarias do areal teñen sido informados da situación por diferentes medios, desde megafonía, ata sinalización vertical, bandeira vermella e paneis informativos, tanto na Caseta dos Socorristas como nas áreas de estacionamento de vehículos. Respecto das análises realizadas, durante o peche decretado a primeiros de mes o Concello ten realizado pola súa conta mostraxes e análises a diario nas catro zonas de baño de Razo, e os niveis de e-coli e enterococos, que son as bacterias que se empregan nas análises para coñecer os niveis de contaminación, teñen sido altamente satisfactorios para todas as zonas excepto a da Explanada. Así, na Cabreira 1, nas análises do 7 de xullo, por exemplo, rexistráronse uns niveis de 1 para e-coli e 0 para enterococos, amplamente por debaixo dos límites estipulados para prohibir o baño, que no caso de e-coli son de 1500 unidades por cada 100 mililitros, como consta no web da Consellería de Sanidade. Ferrero aclara, así mesmo, que "en ningún momento o Concello pecha a zona de forma discrecional, senón sempre atendendo a criterios da Consellería de Sanidade" e que é a obriga tanto do Concello como de Protección Civil "facer caso das autoridades sanitarias".

A primeiros de xuño a calidade da auga era a idónea

Respecto da orixe do problema, o Concello quere aclarar que cada ano se realiza un control das zonas para o baño nos areais do municipio, e que este ano os datos do 9 de xuño, xusto antes de que comezara a tempada de praias e o traballo dos Socorristas, a auga estaba en perfectas condicións para o baño. Así mesmo, para tentar solucionar o problema, nestes momentos estanse realizando análises no río que verte na Explanada para coñecer a orixe dos verquidos. O goberno carballés quere subliñar que as análises realizadas no río o 19 de xuño, e que son tamén periódicas, daban así mesmo negativo para contaminación. Porén, continuaranse realizando mostraxes e análises tanto para comprobar a calidade das augas e levantar o antes que sexa posible, sempre respectando a seguridade dos bañistas, a prohibición de bañarse (hoxe, 28 de xullo, estase recollendo unha mostraxe para unha nova analítica); como para descubrir a orixe da contaminación e evitar, na medida do posible, que estes episodios se repitan no futuro. Para rematar, o Alcalde quixo salientar que non é certo que exista contaminación na Cabreira e que os usuarios e usuarias aínda poden gozar de tres das catro zonas de baño de Razo. Engade que "con afirmacións que digan o contrario, flaco favor se lle fai a Razo, á hostalería da zona e ao servizo de Socorrismo".

Os interesados e interesadas poden consultar nesta mesma nova o informe efectuado polo Servizo Municipal de Protección Civil así como os resultados das análises realizadas entre o 3 e o 11 de xullo de 2014. Tamén é posible acceder á ligazón do web do Sergas onde se poden consultar nun mapa os resultados das análises realizadas pola Consellería de Sanidade.

Compartir: