Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno da corporación aproba todos os...

UNANIMIDADE PARA AS NOVAS TARIFAS DE TAXI

O pleno da corporación aproba todos os asuntos incluídos na orde do día entre os que está a licitación de doce postos do Mercado

Martes 29 de xullo do 2014

Por unanimidade saíu adiante a aprobación das tarifas aplicables aos servizos de transporte público de viaxeiros en automóbiles de turismo, taxi, para servizos no termo municipal de Carballo. A proposta de tarifas aprobada no pleno correspóndese coa presentada pola Asociación Provincial de Autotaxis, e que se concreta nas seguintes contías (todas con IVE incluído): en días laborables de 06.00 a 22.00 horas a percepción mínima é de 4 €, cobrarase 1 € por quilómetro percorrido e a hora de espera custará 15 €; a tarifa nocturna (de 22.00 a 6.00 horas) e a dos festivos mantén as mesmas contías, que son de 5 € de percepción mínima, 1,30 € por quilómetro percorrido e 18 € por hora de espera. En todos os caso gravarase con 0,50 € a ocupación por cada volume do maleteiro, coa excepción de cadeiras de rodas para discapacitados/as e cans lazarillos. Entre os asuntos de trámite, hai que mencionar a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da Ordenanza Municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións forestais e similares. Tense desestimado a única alegación presentada pola Confederación Galega de Empresarios da Madeira.

A sesión tamén supuxo a ratificación do Decreto da Alcaldía sobre a petición á Xunta da aclaración do informe necesario que permita que o Concello manteña a actividade do Conservatorio Profesional de Música e aprobe a Ordenanza fiscal nº 18 reguladora das taxas do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o curso 2014-2015, aprobada provisionalmente na sesión plenaria do 26 de maio deste ano e na que se recollen os novos prezos das taxas para o próximo curso. Unanimidade recibiu a designación de dous días de festa, de carácter retribuído e non recuperable, no termo municipal de Carballo para 2015. Serán o 24 e 25 de xuño como días grandes das Festas de San Xoán que cadran en mércores e xoves, respectivamente. Ademais, aprobáronse de forma definitiva as contas xerais de 2013 do Concello de Carballo e do xa extinto Padroado Deportivo Municipal. Por último, deuse conta do Informe de Intervención e Tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de medidas contra a morosidade relativo ao segundo trimestre de 2014. Segundo os datos presentados polos técnicos municipais, entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2014 pagáronse dentro de prazo 1.218 facturas por un importe de 1.786.716,59 euros.

Compartir: