Inicio Carballo ao día Hemeroteca Amancio Prada celebra en Carballo o 40...

VENRES 8 DE AGOSTO ÁS 22.30 HORAS

Amancio Prada celebra en Carballo o 40 aniversario do seu primeiro disco cun concerto na Praza do Concello

Martes 5 de agosto do 2014

Ademais, o artista dedicoulle a Carballo unhas verbas a través do seu Facebook oficial, cunha lembranza moi agarimosa para o tristemente desaparecido Xosé Manuel Eirís:

"Teño moitas ganas de volver a cantar en Carballo, onde hai tanto tempo que non canto. Faime moita ilusión, de verdade. Eu tiven alí un amigo moi querido. Chamábase Xosé Manuel Eirís, traballaba como técnico de cultura no Concello e a mediados dos 80 e 90 invitoume varias veces a cantar alí, na súa cidade. Gardo moi gratos recordos dun público sempre acolledor e entusiasta.

Xosé Manuel Eirís era tamén, e sobre todo, un excelente cantor, acompañándose coa guitarra e unha zanfoña que el mesmo construíra. Pero Eirís morreu demasiado novo en 1996, tiña 37 anos. Gravara un disco con cancións moi inspiradas, como "Ai, amante! ", sobre un poema de Cunqueiro, "Levo pro mar un tormento", letra e música súa, e unha fermosa versión do "Alalá dás mariñas", un tema tradicional que incluín tamén eu, por certo, no disco "Mar e Terra" (1999), dedicándollo, in memoriam. Recordareino tamén cantándoo este venres.

A primeira vez que cantei en Carballo fun invitado polo director do IEM "Alfredo Brañas", José Antonio Iglesias, un paisano meu do Bierzo, que coñecín entón, en decembro do 75. Hai case corenta anos. Acompañábanme Eduardo Gattinoni ao violonchelo e Alejandro Massó á teorba, frautas e percusións diversas. E é que viñamos de presentar no Pequeno Teatro de Madrid o espectáculo "Caravel de Caraveles", no que tamén participaba Carmen Martín Gaite. Entre o público carballés que abarrotaba fervorosamente o salón de actos do Instituto, invadindo mesmo o escenario, entre aqueles profesores e alumnos encontrábase Xosé Manuel Eirís, que entón tiña dezaseis anos. Anos despois confesaríame que aquela actuación lle marcara moito, afirmando a súa vocación artística. Algo similar ao que me ocorrera con Paco Ibáñez uns anos antes en Valladolid. Camiñamos sobre pegadas.

Volvo, pois, a Carballo con renovada ilusión e avivados recordos. Como cando Eirís se presentou na miña casa en Madrid para traerme o seu disco e co disco un saco de patacas, dicindo: "O disco non sei se é bo, pero as patacas son bergantiñás, as millores de Galicia, que é dicir do mundo".

Espérovos en Carballo, amigos. Vaia por diante este "Adeus ríos, adeus fontes". A canción non sei se é boa, pero o poema é inmellorable.

Unha grande aperta. Amancio."

Compartir: