Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Consello Consultivo de Galicia apoia a proposta...

PRESENTADAS 17 EMPRESAS AO NOVO CONCURSO

O Consello Consultivo de Galicia apoia a proposta de resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento"

Mércores 6 de agosto do 2014

Unha vez emitido o ditame do Consello Consultivo de Galicia, agora a empresa pode presentar un recurso de reposición ou interpoñer un recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), así como emprender as medidas legais que consideren pertinentes. Porén, o Concello xa pode ratificar a resolución definitiva do contrato, o que espera poder facer na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local prevista para o luns 11 de agosto. Así mesmo, xa está en marcha o concurso para realizar unha nova adxudicación destes traballos, aos que optan un total de 17 empresas. A mesa de contratación está pendente de estudar as valoracións técnicas do sobre B. Mantéñense exactamente as mesmas condicións que no anterior prego, cunha única modificación para bonificar a redución do prazo de execución dos traballos. A urxencia á hora de realizar unha nova adxudicación vén determinada polo feito de que os traballos están cofinanciados nun 70 por cento con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Así, o prazo de xustificación que esixe a UE (Unión Europea) para conceder a subvención remata en marzo de 2015, cando a obra debería estar executada. Coa nova adxudicación do proxecto a unha nova empresa ou UTE que cumpra os prazos estimados, os técnicos calculan que o Concello non tería por que exceder a data límite estipulada para manter a subvención.

Por outra banda, hai que lembrar que o procedemento de resolución iniciouse o pasado mes de maio ao considerar o Concello que a UTE incumprira o seu contrato, xa que dende o 11 de setembro de 2013 -día seguinte ao da sinatura da acta de replanteo-, a UTE contou cun prazo de execución de oito meses para rematar os traballos. Mais a 10 de maio de 2014, e unha vez rematado o prazo, tan só hai certificados arredor de 9.000 euros fronte aos 1.024.648,57 euros (IVE incluído) do importe total da adxudicación. A Alcaldesa en funcións reitera que o Concello "intentou por todos os medios chegar a un acordo coa UTE antes de emprender este tipo de medidas", que se adoptaron ao non chegarse a ningún tipo de acordo cos adxudicatarios. Tamén hai que sinalar que xa están adxudicados os traballos da Fase II da "Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)", unha actuación que realizará a UTE (Unión Temporal de Empresas) formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). Está previsto que as obras comecen nos próximos días, xa que poden realizarse independentemente de que estean rematadas as actuacións previstas para a Fase I.

Compartir: