Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno ratifica a resolución...

LUZ VERDE PARA AS BASES DAS BOLSAS DE ESTUDO E TRANSPORTE

A Xunta de Goberno ratifica a resolución do contrato da Fase I da "Mellora do sistema xeral de abastecemento. Anllóns-Bardoso"

Luns 11 de agosto do 2014

A sesión tamén supuxo a adxudicación do contrato administrativo dos "Servizos Bibliotecarios municipais do Concello de Carballo". A empresa é Serindoc SL, a mesma entidade que xestiona a Biblioteca de Narón, por un importe de 90.508 euros anuais por un período de tres anos (con posibilidade de prórroga dun ano). Inclúese unha mellora sen custo adicional que supón un incremento de 432 horas de servizo. Está previsto que, despois desta adxudicación e da formalización do contrato, a Biblioteca Municipal abra as súas portas ao público antes de que remate o ano. No apartado de contratación aprobouse, así mesmo, a adxudicación do contrato administrativo de servizos de "Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas nos viais das parroquias de Carballo". Neste caso, o prezo de adxudicación é de 58.282,45 euros, e a actuación conta cunha achega por parte da Xunta de 26.000 euros. Para rematar con este apartado, a sesión supuxo luz verde para o expediente de contratación do subministro dunha caldeira de Biomasa para a mellora da eficiencia enerxética da piscina municipal Vila de Noia. Trátase dunha actuación que se levará a cabo con cargo ao remanente de tesourería e que ten un prezo de licitación de 241.987,89 euros (IVE incluído). Así mesmo é fóra da orde do día, aprobáronse as bases da convocatoria de Bolsas de estudo e transporte do Concello de Carballo para o próximo curso 2014-2015. Por último, durante a sesión aprobáronse tres licenzas de obra, unha licenza de primeira ocupación e apertura e dúas licenzas de primeira ocupación.

Compartir: