Inicio Carballo ao día Hemeroteca Creatividade e animación nunha nova...

A INAUGURACIÓN CORRE A CARGO DO HISTORIADOR XAN FRAGA

Creatividade e animación nunha nova edición da Praza dos Libros, do 28 ao 31 de agosto en Carballo

Venres 22 de agosto do 2014

Un dos puntos fortes desta festa das letras sempre é a participación infantil. Así, as nenas e os nenos contarán con múltiples actividades, como o concerto humorístico Petiscos musicais, de Os Tres Tenedores (xoves ás 18.30 h), o obradoiro Xogos musicais, de Luís Prego (venres ás 12.00 h), a animación da Ciclobiblioteca (venres ás 17.30 h), o concerto infantil Merenda con pan de millo, de Migallas (venres toda a tarde), obradoiros creativos do grupo artístico Creaformas (sábado toda a tarde), o contacontos A maleta da avoa, de Raquel Queizás (sábado ás 18.30 h) ou o pasarrúas d’Os Bolechas (domingo pola tarde).

E o programa tamén estará repleto de presentacións de libros. Así, o xoves pola tarde será a vez de Salseiros (Embora), do singular creador e percebeiro de Corme Suso Lista. O venres, ademais das presentacións de Xogos musicais (Cumio), de Luís Prego (pola mañá, a través dun obradoiro), e de Merenda con pan de millo (Kalandraka), de Migallas (a través dun concerto), tamén se presentará o poemario Ningún amante sabe conducir (Positivas), da carballesa Rosalía Fernández Rial, quen fará un recital musical acompañada do pianista Serxio Moreira.

O sábado pola mañá toca fútbol, e diversos protagonistas deste deporte farán un debate para presentar Mar de paixón, a historia do fútbol da Costa da Morte contada por Héctor Pose e Luís Porto. Tamén o sábado, xa pola tarde, volverá a Carballo un dos autores máis relevantes das letras galegas, Xosé Neira Vilas, quen non quere deixar de participar nunca neste feira, e faino este ano con presentación dobre: Días de Cuba (Galaxia) e Epistolario diverso (Embora). E o mesmo sábado, ás 20.30 h, é a vez da presentación dunha especial primicia, o libro Contos de taberna (Embora), a compilación de textos e ilustracións de máis de trinta creadores/as que se inspiraron en bares de Carballo, e que agora chega en formato libro.

E o domingo pola mañá, ás 12.30 h, o enerxético e polifacético Xurxo Souto achegaranos os seus Contos do Mar de Irlanda (Xerais). Xa pola tarde, e a través dun recital, presentaranse os poemarios Chamádeme Eva (Caldeirón), de Mercedes Leobalde, e Transfusión oceánica (Caldeirón), de Xosé Iglesias. Ás 19.30 h outra primicia: Os Bolechas en Carballo (Bolanda), a aventura da máis coñecida familia da literatura infantil galega na súa visita á nosa vila, un libro que, ademais, será agasallado durante a Praza dos Libros con compras superiores aos 30 euros. E para pechar as presentacións da feira, ás 20.30 h é a vez de Ramón Vilar Landeira, que nos ofrecerá os seus relatos compilados en Os televisores estrábicos (Xerais).

Un libro, un panHai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixo, froita, etc. Ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 28 a Praza dos Libros convivirá coa feira e o domingo 31 co feirón de verán de Carballo, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada. E os libros virán cun pan debaixo do brazo... Durante toda a mañá do domingo repetirase, por oitava vez, a experiencia Un libro, un pan, e todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun Pan de Carballo.

Na Praza dos Libros terán presenza sete librarías, que traerán a creatividade galega para que quen queira tamén a poida levar para a súa casa: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e Couceiro (da Coruña). O horario de apertura é de 11.00 h a 14.00 h polas mañás e de 17.30 h a 21.30 h polas tardes.

Para fomentar a compra de libros, ademais do desconto do 10% e do agasallo o domingo pola mañá dun pan de Carballo, as persoas que acumulen compra por valor de 30 euros na feira serán agasalladas cun exemplar de Os Bolechas en Carballo. A Praza dos Libros, que se desenvolve a última fin de semana de agosto desde o ano 2006, está organizada polo Concello de Carballo coa colaboración de Conservas Calvo. Interesados e interesadas poden descarga o programa completo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: