Inicio Carballo ao día Hemeroteca O historiador Xan Fraga reinvindica no...

CABEZA QUILES, OS BOLECHAS OU NEIRA VILAS ESTARÁN NESTA CITA

O historiador Xan Fraga reinvindica no pregón da Praza dos libros "a industria de Gutenberg" porque "os libros son vida"

Xoves 28 de agosto do 2014

A Feira da Creatividade a Cultura de Carballo congregou na edición de 2013 a arredor de 5.000 persoas con vendas de máis de 1.500 libros que "a consolidan como un referente anual", segundo explica a Concelleira de Cultura, Mar Eirís. Porque "a cultura é riqueza" e "o libro supón comercio, industria e postos de traballo", nunha "rede fundamental" para un país. Entre o xoves 28 e o domingo 31 de agosto, o Xardín Municipal e a carpa da Praza dos Libros que, como puntualizaba Mar Eirís, "o ano pasado chegou a quedarse pequena", acollen a célebres autores como Xosé Neira Vilas; a novas autoras que hai tempo que deixaron de ser promesas para converterse en creadoras por dereito propio como Rosalía Fernández; profesores e expertos como Fernando Cabeza Quiles; polifacéticos persoeiros como o cormelán Suso Lista; xogos musicais, contacontos e os celebérrimos Bolechas para os máis cativos e cativas; os poemas de Mercedes Leobalde ou Xosé Iglesias; autores como Xurxo Souto ou Ramón Vilar Landeira; libros recen saídos do forno como "Contos de taberna"; e o pan, os produtos da terra e a animación da feira o xoves e o domingo. Unha oferta insuperable á que se unen sete librarías, que traerán a creatividade galega para que quen queira tamén a poida levar para a súa casa: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e Couceiro (da Coruña). O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 horas polas mañás e de 17.30 a 21.30 horas polas tardes. Carballo e os libros son vida!

Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo nesta mesma nova nun documento en pdf. Tamén é posible ver un amplo fragmento do pregón de Xan Fraga no acto inaugural a través de Youtube:

Compartir: