Inicio Carballo ao día Hemeroteca O comedor social de Cáritas volverá...

O ACORDO VÉN DE PLASMARSE NUN PROTOCOLO DE COLABORACIÓN

O comedor social de Cáritas volverá a aproveitar os menús elaborados no Curso de Cociña para desempregados do Fórum

Venres 5 de setembro do 2014

Hai que lembrar que este é o segundo ano consecutivo en que se formaliza este acordo, xa que en 2013, e tamén durante a celebración doutra edición do mesmo Curso de Cociña, xa se estiveron beneficiando os usuarios e usuarias do comedor do bo facer nos fogóns do alumnado da acción formativa. No acto, ademais dos mencionados, tamén estiveron o Concelleiro de Formación e Emprego, Marcos Trigo; o cura párroco de Carballo, José García Gondar; o Director do Centro de Formación, Juan Lorenzo; e representantes do voluntariado de Cáritas. Precisamente, hai que mencionar que Cáritas Interparroquial mantén en funcionamento na actualidade un comedor social, un comedor sobre rodas e o Centro de Día Fogar de Bergantiños. Á súa vez, o Curso homologado de cociña que se imparte no Fórum Carballo forma parte da programación para o emprego (Plan AFD 2014) que desenvolve a Consellería de Traballo e Benestar. Comezou o pasado 20 de xuño e remata o 11 de decembro de 2014. Conta con 848 horas lectivas nas que 15 alumnos e alumnas desenvolven os procesos de pre elaboración, preparación, presentación e conservación de toda clase de alimentos, ademais de aprender a definir ofertas gastronómicas, aplicando con autonomía as técnicas correspondentes, conseguindo a calidade e obxectivos económicos establecidos e respectando as normas e prácticas de seguridade e hixiene na manipulación alimentaria. O curso, ademais das clases teóricas e prácticas que se imparten no Fórum contará con 80 horas de prácticas profesionais en empresas da zona relacionadas co sector hostaleiro.

Compartir: