Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno aborda a aprobación do Contrato de...

MOCIÓNS A FAVOR E EN CONTRA DA REFORMA DA LEI ELECTORAL

O pleno aborda a aprobación do Contrato de xestión integral do servizo de augas por 58 millóns de euros e un prazo de 25 anos

Venres 5 de setembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo felicitar aos técnicos municipais do departamento de contratación polo longo traballo realizado na elaboración do expediente, que requiriu un "traballo intenso". Así mesmo, a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, explica que todos os grupos políticos da corporación contan dende o mes de xullo coas principais directrices da proposta, para que puideran estudala en profundidade antes do seu debate no pleno. Dentro da orde do día, a sesión tamén inclúe a aprobación dun "Estudo detalle para ordenar volumes e concretar condicións estéticas dunha edificación de uso comercial na Avenida de Bértoa de Carballo". Ferrero sinala que se trata do Lidl, situado onde antes se atopaba unha estación de servizo, e que agora mesmo conta cunha instalación provisional na Avenida de Bértoa. A empresa solicitou que se estipulen as directrices técnicas que deben seguir para construír unha instalación definitiva de uso comercial por detrás da actual tenda provisional, mentres que o espazo da tenda provisional usaríase no futuro como espazo de estacionamento de vehículos. No apartado económico, está previsto debater a aprobación dunha transferencia de crédito para pagar a liquidación dunha obra do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2013 (POS). Retiraranse 18.423 euros da partida destinada á compra de vehículos municipais e incluiranse na partida correspondente para liquidar a cantidade coa empresa Hijos de Ramón Vázquez.

Debate arredor da reforma da Lei electoral

No apartado de mocións, o PSOE e o PP teñen presentado propostas contraditorias arredor da reforma da Lei electoral (LOREG) que vén de expoñer o Goberno de España. Por parte do grupo socialista, ínstase ao goberno a rexeitar a modificación da LOREG que propón o PP para elixir directamente aos Alcaldes e Alcaldesas. Pola súa banda, o PP pide que se apoie "a reforma da lei electoral e promover a elección directa do Alcalde". No primeiro caso, a moción recibiu o ditame favorable da comisión informativa, mais no segundo o PP non a presentou a tempo para ser abordada na comisión e deberá presentarse directamente no pleno. Dentro dos asuntos de trámite, a sesión inclúe a resolución da concesión de dous postos do mercado gandeiro da Milagrosa. Así, expiran este exercicio os 30 anos de concesión -que non son prorrogables- e hai que principiar os trámites para comunicarlle a resolución aos afectados.

Compartir: