Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno apoia unha moción para rexeitar a...

QUEDA SOBRE DA MESA O CONTRATO DE XESTIÓN INTEGRAL DA AUGA

O pleno apoia unha moción para rexeitar a proposta de reforma de Lei electoral que implicaría a elección directa do Alcalde

Martes 9 de setembro do 2014

Tamén por unanimidade resolvéronse as concesións de dous postos do mercado gandeiro da Milagrosa. Así, expiran este exercicio os 30 anos de concesión -que non son prorrogables- e hai que principiar os trámites para comunicarlle a resolución aos afectados e afectadas. Coa abstención de PP e TEGA e o apoio do resto dos corporativos aprobouse unha transferencia de crédito para pagar a liquidación dunha obra do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal 2013 (POS). Retiraranse 18.423 euros da partida destinada á compra de vehículos municipais e incluiranse na partida correspondente para liquidar a cantidade coa empresa Hijos de Ramón Vázquez. E dentro da orde do día hai que subliñar o rexeitamento do "Contrato de xestión do servizo público por procedemento aberto con varios criterios de adxudicación, baixo a modalidade de concesión, que ten por obxecto o ciclo integral da auga do Concello de Carballo", que quedou sobre da mesa á espera de seguir concretando detalles e poder debatelo de novo no pleno ordinario de finais do mes de setembro. Hai que lembrar que o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Viaqua, e é preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas. O expediente recolle as condicións do contrato, que sería por un prazo de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros.

Para saír adiante, debido ao seu importe e complexidade, o contrato debe contar co apoio da maioría de todos os membros da corporación (11 votos) e non pode ser aprobado por maioría simple. Porén, na sesión celebrada o luns o punto contou cos votos a favor do BNG (10), en contra do PP (8) e coas abstencións de PSOE (1) e TEGA (2), polo que o acordo non puido saír adiante. Así, o PP manifestou que o contrato pode ser "electoralista" e criticou as futuras taxas; o PSOE defende unha xestión municipalista do servizo; e TEGA considera que sería preciso manter xuntanzas para concretar certos puntos do contrato e estudalo con máis detalle. O Alcalde, Evencio Ferrero, defendeu que non se trata dunha medida electoralista xa que "será a futura corporación a que xestione o contrato", porque en seis meses dende xaneiro a xuño de 2015 (data das eleccións municipais) non dará tempo a desenvolvelo. Ademais, subliñou que todos os grupos contan dende o mes de xullo con toda a documentación do expediente e tiveron tempo para estudalo con detalle. Por último, tamén defendeu a urxencia de contar o antes posible cunha nova empresa adxudicataria, xa que de prolongarse os prazos non se chegaría a tempo para pechalo todo antes do 31 de decembro de 2014. Finalmente, o asunto quedou sobre da mesa.

Compartir: