Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os voceiros propoñen modificar os...

REPRESENTANTES DE TODOS OS GRUPOS DEBATERON DURANTE DÚAS HORAS

Os voceiros propoñen modificar os criterios de adxudicación e o canon da empresa que asuma o Contrato de xestión da auga

Xoves 11 de setembro do 2014

Os asesores técnicos responsables da elaboración do contrato recolleron as modificacións propostas durante a xuntanza, suxestións que se comprometeron a incorporar ao contrato o antes posible. Unha vez estea lista a nova documentación, o goberno ten previsto convocar de inmediato unha comisión informativa para poder celebrar un pleno extraordinario da corporación e someter de novo para a súa aprobación o contrato de xestión integral do ciclo da auga. A urxencia en sacar adiante o prego de condicións vén dada pola necesidade de licitar o servizo coa maior celeridade. Así, o 31 de decembro de 2014 remata a concesión actual, que recaeu por un prazo de 20 anos en Aquagest, agora Viaqua, e é preciso contar, antes de que remate o ano, cunha nova empresa adxudicataria. A nova concesionaria deberá asumir a xestión integral do servizo, incluído o saneamento, o abastecemento e a depuración de augas, segundo estipulan as directrices europeas. Ademais das modificacións xa mencionadas, o contrato especifica un prazo de adxudicación de 20 anos prorrogables ata un máximo de 25, por un importe de 2.342.000 euros anuais. O custe total por todo o período do servizo sería próximo aos 58.600.000 euros. Tamén hai que lembrar que a proposta para a aprobación do contrato foi debatida nun pleno extraordinario celebrado o luns 8 de setembro. O punto precisaba o apoio da maioría de todos os membros da corporación (11 votos), xa que debido á súa contía non pode ser aprobado por maioría simple. Porén, na sesión celebrada o luns o punto contou cos votos a favor do BNG (10), en contra do PP (8) e coas abstencións de PSOE (1) e TEGA (2), polo que o acordo non puido saír adiante e quedou sobre da mesa para continuar o debate, como así se ten feito na reunión de voceiros que vén de celebrarse.

Compartir: