Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sergi López e Rafael Álvarez "El Brujo", os...

30 ESPECTÁCULOS TEATRAIS ENTRE O 3 DE OUTUBRO E O 2 DE NOVEMBRO

Sergi López e Rafael Álvarez "El Brujo", os grandes nomes dun XXIII FIOT que revisita o teatro clásico cunha ollada diferente

Xoves 18 de setembro do 2014

A presentación contou tamén coa presenza de Luciano Calvo, en nome da Fundación Luís Calvo Sanz e dos patrocinadores. Quixo felicitar, ao igual que Sueiro e Ferrero, á Aula de Teatro Municipal pola súa colaboración na presentación do festival cunha pequena performance, e desexou que o FIOT chegue "polo menos ás vodas de prata". Ferrero pechou a quenda de intervencións recoñecendo o traballo de departamento de cultura "para facer esta magnífica programación" que require "moitas horas de esforzo" e que consigue que o festival "sexa unha referencia teatral en Galicia e tamén para algunhas outras partes fóra do noso territorio galego". Pechou o discurso amosando a súa impaciencia porque "estamos todos a desexar que chegue pronto a primeira representación".

A programación de sala ten lugar entre o 10 de outubro e o 2 de novembro e ofrece catro estreas en Galicia, nove compañías chegadas dende Cataluña, Madrid, Andalucía ou Chile e a oportunidade de gozar con dous dos premiados polo público do festival en distintas edicións do FIOT: Ron Lalá, en 2013, e Rafael Álvarez "El Brujo", en 2005. A viaxe comeza o venres 10 de outubro cuns vellos coñecidos do festival e do público carballés, Mofa e Befa, que estrean en Galicia "Bobas & Galegas", unha obra baseada no Século de Ouro español, un repertorio pouco representado polo teatro galego. A responsable desta singular mirada é Producións Teatrais Excéntricas, ca dirección dun dos directores máis recoñecidos da escena galega, Quico Cadaval. Completan a fin de semana o domingo 12 Ron Lalá, cunha revisión do clásico entre os clásicos con "En un lugar del Quijote". Volven tan só un ano despois de gañar o Premio do público con "Siglo de oro, siglo de ahora (folía)". Desta volta, nunha biblioteca imaxinaria, o fidalgo Alonso Quijano recrea as súas marabillosas aventuras como cabaleiro andante mentres Miguel de Cervantes escribe a súa obra mestra. Ron Lalá foron finalistas ao Max con esta obra ao mellor espectáculo de Teatro Musical 2014.

A segunda fin de semana de sala comeza o venres 17 de outubro coa visita ao auditorio do Pazo da Cultura de Yllana, unha compañía que xerou un vínculo moi especial co público do FIOT. Presentan "The Gagfather", na que catro gánsters aterrorizan a cidade. Farto da corrupción e dos delitos dos catro mafiosos, un policía recruta a un disparatado grupo de polis para pararlles os pes. O sábado 18 o FIOT sae do Pazo da Cultura e viaxa ata o Mercado Municipal para acoller unha proposta especial da man da compañía catalá "Obskené" que realiza a súa particular versión do clásico de Lope de Vega "Fuenteovejuna". O texto orixinal "deconstrúese" e entrecrúzase coa dramaturxia contemporánea para crear un espectáculo enérxico, trepidante e esteticamente impactante. Superado o seu ecuador, o FIOT volve a Galicia o sábado 25 coa compañía emerxente "Voadora" e "A Tempestade" de Shakespeare. O último texto escrito polo bardo fala sobre o perdón, a familia, o final do traballo e o final da enerxía a través da maxia, a música, o amor, a comedia ou o soño. Dende Andalucía chega a proposta do domingo 26 con máis Shakespeare, neste caso "Mucho ruido y pocas nueces". A interpretación dos preto de vinte personaxes da obra corre a cargo de tan só tres actrices, que se apoian en técnicas como o clown ou a manipulación de obxectos para ofrecer rápidos e intelixentes diálogos e un ritmo vertixinoso.

A última fin de semana do festival garda algunhas das súas mellores propostas: El viajeinmóvil, Rafael Álvarez "El Brujo" ou a presenza do recoñecido actor Sergi López. No primeiro caso, El viajeinmóvil veñen dende Chile para presentar a súa visión do "Otelo", nun festival que lle presta unha especial atención a Shakespeare cando se cumpren 450 anos dende o seu nacemento. A compañía despóxase de tramas e personaxes secundarios e presenta con crueza e realismo un tema aínda vixente, a violencia contra a muller. Este é o último espectáculo dunha compañía de marionetas de prestixio internacional que xa sorprendeu hai uns anos no FIOT con outra delicada e abraiante montaxe, "Gulliver". O 1 de novembro, volve ao FIOT o aclamado Rafael Álvarez "El Brujo" con "El asno de oro", de Apuleyo. Unha vez máis este enorme actor está só no escenario e adapta ao seu particular estilo esta novela clásica latina, unha das xoias da literatura universal, precursora da picaresca e de gran influencia no teatro do Século de Ouro. E o peche desta XXIII edición vén da man de Setze Fetges Associats e "30/40 Livingstone". O recoñecidísimo actor de cine e teatro Sergi López, acompañado de Jorge Picó, crea un espectáculo de "humor, tenis e antropoloxía" no que reinventa a realidade nunha revisión da vida do célebre explorador.

O OTNI cumpre cinco anos e a Rúa dos Contos dezaseisA sección dedicada ás novas propostas, talentos e linguaxes escénicas do FIOT, o ciclo Obxecto Teatral Non Identificado cumpre cinco anos cunha coidada selección de compañías, coma é o caso do colectivo Grumelot. Os madrileños escenificarán "Los brillantes empeños" unha arriscada produción con textos de Calderón, Tirso de Molina, Teresa de Ávila ou Lope de Vega, que non deixará indiferente ao público. Grumelot actúa baixo a dirección do arxentino Pablo Messiez, un dos novos valores da xeración de directores arxentinos que trunfan en España. A proposta multimedia "Harket , de Panicmap (Valencia) e "Greenwinch Art Show", de Marcarena Recuerda Sheperd (País Vasco) -esta é a súa segunda visita ao FIOT-, son as outras dúas propostas que se poderán ver no OTNI.

Entre as actividades paralelas do FIOT, destaca, coma sempre, a XVI Rúa dos Contos, un festival en si mesmo. Catorce espectáculos de pequeno formato transformarán os 11 establecementos colaboradores (bares A Barra e O Pescador, cervexarías Dublín e A Bombonera, pub A Reserva, mesón A Cabana, cafeterías Valle Inclán e Colón e taberna O Patacón) eo Mercado Municipal en auténticos escenarios durante as dúas primeiras fins de semana de outubro. Entre as estreas desta edición destaca "Antoloxía sen filtro", o novo espectáculo do carballés Rober Bodegas e "Bivalvos como galegos!", da compañía de clown Os Sete Magníficos máis Un; e "Psicópata", unha comedia negra de Antón Coucheiro. Outros nomes, algúns xa coñecidos, do elenco máis irreverente e noctámbulo son Estephanie Llayora, os regueifeiros Bieito Lobariñas e Josiño da Teixeira, Cándido Pazó, o dúo Bacana, Isabel Risco, o Mago Teto, David Amor, a cantautora Palito, Evaristo Calvo, Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.

Actividades paralelasTeatro de rúa, o Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís", unha nova edición da iniciativa infantil noctámbula "O Fiotiño" -que este ano se amplía a dúas noites debido ao éxito do ano pasado- ou as charlas cos elencos das compañías nos espazos denominados "Café con..." son algúns dos outros ingredientes das actividades paralelas do FIOT ás que este ano se suman tres novidades. Son a Escola do espectador, o encontro con fotógrafos Zoom FIOT e a presentación do libro "Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)". Tras o éxito do ano pasado, repítese tamén a experiencia gastronómica "Dálle un bocado ao FIOT". Todos aqueles clientes que degusten unha das tapas, pinchos ou almorzos servidos nun establecemento hostaleiro de Carballo entrarán no sorteo de entradas e dunha cea e aloxamento na vila.

Venda de bonos e entradasOs bonos e entradas soltas poderán adquirirse de novo a través do sistema de televenda de <

Compartir: