Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Xiria Pop mantén a calidade e a...

VENRES 19 E SÁBADO 20 DE SETEMBRO NA SALA DUBLÍN

O Xiria Pop mantén a calidade e a variedade musical con sons de EEUU, Reino Unido, Cataluña, País Vasco ou Galicia

Xoves 18 de setembro do 2014

Respecto do resto dos grupos, o venres acompañan a Barbeau Los huéspedes felices, de Ferrol; e Ginnels, de Dublín. Os primeiros pegaron un xiro na súa carreira co seu último disco, que recibiu excelentes críticas no mundo da psicodelia. No Xiria Pop presentan novo EP. Pola súa banda, Ginnels teñen influencias do primeiro indie americano, segundo explica Xabier Graña. Aclara que este ano o venres hai só tres grupos no cartel porque The Tripwires subiu o prezo e houbo que axustar custos. O sábado 20, estarán precisamente con The Tripwires Fuckin' Bollocks, de Sant Andreu (Cataluña); King Salami & The Cumberland 3, de Londres; e The Reverendos, de Bilbao. Fuckin' Bollocks teñen un primeiro disco cun aire ao son dos Rolling Stones pero máis ácido, segundo Graña. Hai pouco tocaron cunha banda que visitou o ano pasado o Xiria Pop, Jysus, e tiraron moi boas impresións. King Salami & The Cumberland 3 chegan dende Londres, aínda que ningún dos seus compoñentes sexa da capital británica, con sons de rhythm and blues. E, por último, The Reverendos teñen un son vintage que lembra a música dos anos 50' e 60'. Como nos últimos anos, as portas abren ás 22.30 horas na Sala Dublín e o prezo da entrada é de 10 € para os días soltos e de 15 € o bono para toda a fin de semana.

Actividades paralelas en PopalabrasUn cartel moi completo para unha edición que este ano se complementa con actividades paralelas. En concreto, coa presentación de dous libros sobre música, o venres 19 e o sábado 20 ás 19.30 horas na Reserva baixo o título de "Popalabras". Graña subliña que se trata de dous libros relacionados entre si, porque os dous están relacionados con Sonic Youth e o movemento dos grupos post-hardcore en norteamérica. Así, "La distorsión inteligente", de Marcos Gendre, será presentado por Alberto Vecino. Nel fálase de grupos como Fugazi, Big Black, Shellac, The Jesus Lizard,Slint, Unsane, Girls Against Boys, Rites of Spring, etc. Un volume completo e apasionado sobre unha xeración nacida a partir da segunda metade dos anos '80. O segundo libro é "Estragos de una juventud sónica", de Ignacio Juliá e presentado por María Costa Pereira. Trátase da primeira biografía en español de Sonic Youth, unha das máis influentes iconas rock das últimas décadas. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo transmitirlle os seus parabéns a Xabier Graña por "traer sempre cousas novidosas" para un festival que xa conta "cunha longa tradición" e que sempre consegue "sorprender" aos asistentes con "grupos que impactan". Desta volta, o cartel do festival, que se pode ver en pdf nesta mesma nova, foi realizado pola artista carballesa Lidia Cambón, encargada de transformar a Escola de Arrabales a través da iniciativa Derrubando muros con pintura.

Compartir: