Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Plan de Ecoturismo Razo-Baldaio nace para...

"CARBALLO, SENDA DO MAR"

O Plan de Ecoturismo Razo-Baldaio nace para "que a costa forme parte da vila" e construír un proxecto turístico global

Venres 19 de setembro do 2014

As accións formativas teñen temáticas moi diversas, que van dende o aproveitamento das novas tecnoloxías e o marketing en empresas turísticas, á confección de menús saudables, pasando por un taller de coctelería e outro de elaboración de café. Así mesmo, afondarase na creación dun manual de boas prácticas para empresas turísticas, ou de talleres de emprendemento nos que o surf xogará un papel fundamental. Por último, daráselle especial importancia ao turismo mariñeiro, unha actividade na que a costa galega estase a converter nun referente, en verbas de Eugenia Juncal, e que "ofrece moitas oportunidades de negocio". O Concello convida a todos os hostaleiros, empresas turísticas e emprendedores que o desexen a participar neste proxecto e a asistir aos talleres, que se impartirán de balde no Fórum Carballo entre o venres 19 de setembro e o venres 17 de outubro ás 17.00 horas de luns a venres. Os interesados e interesadas poden descargar o programa ao completo nesta mesma nova nun documento en pdf. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, salientou durante o acto de presentación de "Carballo, senda do mar" os atractivos que ten a costa carballesa, uns atractivos que hai que potenciar. O Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, tamén sinalou que a costa de Razo-Baldaio é unha "costa virxe, das menos humanizadas do territorio", polo que hai que buscar camiños para aproveitalo e "traballar no medio turístico". Por último, Guillermo González, xerente do GAC Costa da Morte, animou a todos os actores implicados no proxecto a que participen e aproveiten as ferramentas que se están poñendo á súa disposición. Todo para contribuír a que "o turista teña unha experiencia unificada" e "incremente o tempo de estadía" para que o gasto que realice repercuta no territorio.

Compartir: