Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado nun pleno extraordinario o Contrato de...

RECIBIU O APOIO DE TODOS OS GRUPOS EXCEPTO O PSOE, QUE SE ABSTIVO

Aprobado nun pleno extraordinario o Contrato de xestión integral do servizo de augas por 58 millóns de euros e 25 anos

Luns 22 de setembro do 2014

As condicións da licitación saíron adiante despois de que se acordaran varias modificacións no prego orixinal antes de volver a levar o asunto para a súa aprobación no pleno da corporación. O primeiro cambio afectou aos criterios de adxudicación, recibindo a proposta unha maior puntuación canto menor sexa o custo da tarifa final para os usuarios e usuarias. En segundo lugar, acordouse modificar o reparto do canon da adxudicataria, que sempre será dun mínimo de 3,5 millóns de euros. Así, se agora a empresa debía achegar esa cantidade na primeira anualidade, agora achegaría un millón de euros ao subscribirse o contrato. A cantidade restante ata cubrir o mínimo de 3,5 millóns achegaríase repartida nas dez seguintes anualidades do contrato. Por último, o prazo de presentación de ofertas por parte das empresas baixouse de 35 a 30 días para tentar axilizar o máximo posible o proceso e poder contar cunha nova adxudicataria antes de que remate o ano. Todos os grupos da corporación chegaron a un acordo sobre a aprobación do contrato excepto o PSOE, que defende a opción de municipalizar o servizo e por iso se abstivo. Finalmente o asunto contou con 19 votos a favor (xa que polo BNG tivo que ausentarse Milagros Lantes por asuntos persoais, polo que foron 9 votos do BNG, 8 do PP e 2 de TEGA) e 1 abstención.

Compartir: