Inicio Carballo ao día Hemeroteca Arrinca o proxecto de compostaxe caseira coa...

A EXPERIENCIA DESENVOLVERASE DURANTE UN ANO EN TODO O MUNICIPIO

Arrinca o proxecto de compostaxe caseira coa implantación do primeiro de 50 composteiros nunha vivenda na Milagrosa

Luns 22 de setembro do 2014

Entre cinco e sete meses despois do seu comezo, o proceso para crear o compost debería estar rematado. Carballo Limpo espera supervisar o proxecto durante un ano, incluso creando entre os participantes "mestres composteiros" que amplíen o proxecto no futuro a un maior número de vivendas. A compostaxe caseira consiste no uso de composteiros para poder reciclar os restos orgánicos que producimos nas nosas vivendas sen ter que tiralos ao lixo. Este método converte os restos de comida en compost que despois se pode aproveitar como fertilizante. Este é un proceso que está máis que probado e que non ten porque producir molestias nin malos olores si se realiza do xeito adecuado. Así, hai que alternar estruturante, formado por herbas, pólas ou materia vexetal, con restos de comida e residuos orgánicos domésticos cun control constante que permitirá un óptimo resultado final. Desde o Concello considéranse moi importantes este tipo de iniciativas, por iso se engadiron ao proxecto que está executando a empresa UTE Carballo, responsable do servizo de recollida de lixo. A redución das toneladas de lixo que se levan a Sogama é un obxectivo de todo o equipo de Carballo Limpo, por iso se espera que este proxecto teña éxito e acadar os obxectivos marcados. Desde Carballo Limpo, agradécese de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17 para o Punto Limpo Móbil, a través da páxina web <www.carballolimpo.com> ou no Twitter @CarballoLimpo. Os interesados e interesadas poden descargar, ademais, un manual de compostaxe caseira en pdf -editado por Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) nesta mesma nova.

Compartir: