Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa están colocadas o 98 por cento das...

AS 160 RECLAMACIÓNS SERÁN CONTESTADAS A PRIMEIROS DE OUTUBRO

Xa están colocadas o 98 por cento das lámpadas do novo alumeado público, estando a media de aforro nun 79 por cento

Venres 26 de setembro do 2014

En canto ás incidencias recollidas polos distintos medios ofertados á cidanía carballesa a través da aplicación online AvisaWeb e do teléfono 902 350 365, hai que resaltar que se produciu un descenso importante debido a que na actualidade minimizouse ao máximo a avaría máis reincidente, o fundido ou esgotamento de lámpadas, grazas á nova tecnoloxía LED. Así mesmo, durante o último mes a UTE engadiu aos seus traballos de mantemento, a realización de estudos de contaminación e calidade lumínica da tecnoloxía LED instalada, xunto coa toma de datos para a auditoría enerxética das instalacións municipais, estipulada no contrato do servizo. Ademais, coa prestación de Garantía Total recollida en contrato a empresa adxudicataria asume a reposición de todo o material de instalación ben por deterioro ou por subtracción. Neste sentido, no período sinalado producíronse un total de 33 roubos, acumulándose máis de 8.000 metros de fío condutor desaparecido. Tamén hai que informar de que a primeiros de outubro comezará a funcionar aplicación informática de xestión enerxética e de mantemento, que mediante a monitorización permanente dos datos procedentes do equipamento de campo permitirá realizar a xestión do servizo prestado, o control dos consumos enerxéticos incorridos e o comparativo destes con outras instalacións de similares características, preservando desta forma a eficiencia dos elementos de control e regulación instalados e o seu estado.

Por todo o anterior, Ferrovial servizos, SA - Ferrovial Infraestructuras SA UTE realiza un balance positivo da calidade do servizo nos seis primeiros meses da explotación do Contrato de Servizos Enerxéticos e Mantemento con Garantía Total das instalacións do Alumeado Público do Concello de Carballo. Botando a vista atrás, xa quedan lonxe os difíciles comezos na prestación, ao sufrir un dos peores invernos dos últimos 40 anos, coa acción de 4 cicloxéneses consecutivas, que ocasionaron máis de 400 incidencias no primeiro mes e medio. Estabilizada a climatoloxía, foi cando se iniciaron os traballos de inventariado e mantemento da instalación ao longo e ancho do territorio carballés. A primeira semana de abril realizáronse as primeiras probas para o novo alumeado nas parroquias de Sísamo (Ramil), Oza (Vilar de Carballo) e Lema (Castrillón), obtendo resultados óptimos de calidade de alumeado, cumprindo o rexido pola normativa de Iluminación Exterior. Na segunda quincena do mes de maio sumouse o inicio da implantación do novo alumeado, tomando como partida a parroquia de Rebordelos, seguindo cara ao sur a colocación das novas luminarias. En datas de San Xoan, e cumprindo unha das condicións contractuais, a empresa concesionaria realizou a instalación de toda o alumeado festivo na zona urbana, así como a súa posterior retirada. Dende estas festividades estase a realizar a mesma operación en todas as parroquias do concello.

Mellor alumeado viario

Por último, tal e como se pode observar nas imaxes que ilustran esta nova, co novo sistema mellórase a calidade lumínica e cromática dos focos. As lámpadas tradicionais lanzan a luz cara arriba en vez de iluminar cara abaixo, que é onde se necesita a luz, e isto é o que se consegue cos LED. As novas lámpadas propician unha mellor reprodución cromática, xa que ao ser unha luz neutra non modifica as cores, mentres que as de vapor de sodio provocan un efecto "marelo-alaranxado" en todo o seu radio de cobertura. Ademais, nas zonas regulares -aquelas nas que existe unha distancia equidistante entre puntos de luz ou están situados a ambas marxes da vía- conséguese unha uniformidade total: evítanse as sombras, o que implica unha maior seguridade viaria, tanto para os condutores coma para os peóns.

Compartir: