Inicio Carballo ao día Hemeroteca A ordenanza reguladora da taxa do servizo de...

A SESIÓN INCLÚE A ADXUDICACIÓN DUN NOVO POSTO DO MERCADO

A ordenanza reguladora da taxa do servizo de recollida de lixo centra o debate do terceiro pleno celebrado en setembro

Venres 26 de setembro do 2014

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explica que dende 1998 o servizo de recollida de lixo deixa de ser prezo público para pasar a ser unha taxa, e polo tanto "de recepción obrigatoria" para todas as vivendas, estean ou non ocupadas. En Carballo, o cambio de prezo público a taxa formalizouse en 1999, mentres que foi en 2004 cando se regularizou a situación para todas as vivendas do municipio, incorporándose as do medio rural. Agora se realiza a regularización do cobro da taxa a todas as vivendas do municipio. Os técnicos municipais explican que a xurisprudencia aplicable é a última emitida polo Tribunal Supremo, que reitera o carácter "de recepción obrigatoria da taxa". Ademais, aclara que "é o Estado o único que pode condonar débedas". Respecto da posibilidade de realizar bonificacións para aquelas vivendas que non estean habitadas, fronte ás que si o están, a legalidade establece que isto só é posible "pola capacidade económica, nunca polo tipo de uso dos espazos". E dicir, as bonificacións realizaríanse tendo en conta os ingresos familiares, nunca en función de se a vivenda está ou non baleira. Por último, o Alcalde resaltou que calquera derrogación ou modificación da taxa nos sentidos propostos "sería manifestamente ilegal", algo que unha corporación non pode admitir. Así mesmo, a Concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, informou de que nestes momentos hai emitidos xa preto de 2.000 recibos, enviados en dúas quendas, unha de 1.200 e outra de preto de 800. No primeiro caso, teñen pagado xa o 70 por cento dos usuarios e usuarias, e no segundo, que ten de prazo de pago voluntario ata decembro de 2014, xa pagaron un 20 por cen. Respecto dos recursos presentados polos veciños e veciñas, son un total de 122.

Modificación puntual do contrato de alumeado público

A orde do día conta tamén con outra serie de asuntos de trámite. En primeiro lugar, recóllese a unha modificación do contrato contrato de Servizos Enerxéticos e Mantemento con Garantía Total das instalacións do Alumeado Público do Concello de Carballo. Así, existen unha serie de luminarias no casco urbano que teñen unha configuración distinta ás do alumeado xeral e que, por motivos de seguridade, deben substituírse. Ao non recoller o contrato esta substitución, por motivos de trámite debe realizarse unha modificación puntual do mesmo, aínda que a empresa Ferrovial UTE, responsable do servizo, comprometeuse a realizar os traballos sen ningún custe adicional. O pleno abordará tamén o visto e prace para o Contrato administrativo especial para a "Concesión administrativa dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo". Trátase da adxudicación do posto exterior número 14, que antes acollía unha zapatería e que poderá ser destinado a alimentos non perecedoiros ou a artigos que non sexan de alimentación. O local conta con 25,4 metros cadrados. O punto catro da orde do día recolle unha modificación no cadro de persoal do Concello de Carballo para actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT) despois dunha serie de sentenzas ao respecto. O acordo xa ten sido referendado pola mesa de negociación, cos sindicatos e os grupos políticos municipais. Os trámites tamén supoñen a aprobación definitiva do Plan especial de dotacións para equipamento en solo rústico no lugar da Brea. Trátase dun trámite seguido por Aspaber para ampliar as súas instalacións.

Para rematar, no apartado de mocións PP e TEGA presentaron unha petición conxunta para que "se lle dedique ao Dr. Eduardo Mariño a coñecida como glorieta do Ambulatorio, pasando a chamarse Praza do Dr. Eduardo Mariño" e que "se deixe sen efecto a rúa actualmente dedicada". O Alcalde, Evencio Ferrero, explica que se trata dun "acordo redundante", xa que na actualidade esa glorieta xa se chama "Praza Médico Mariño" e así consta no rueiro, aínda que non haxa placa que o acredite. Tamén rexeita que se deixe sen efecto a rúa que se acaba de inaugurar co nome de Rúa Médico Eduardo Mariño. Para rematar, Ferrero explica que se falará coa Brigada de Obras para que se coloque unha placa co nome da praza na glorieta.

Compartir: