Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno rexeita as propostas para modificar a...

LUZ VERDE PARA UN CAMBIO NO CONTRATO DO ALUMEADO PÚBLICO

O pleno rexeita as propostas para modificar a ordenanza reguladora da taxa do servizo de recollida de lixo

Martes 30 de setembro do 2014

Respecto dos outros asuntos incluídos na orde do día, aprobouse por unanimidade o Contrato administrativo especial para a "Concesión administrativa dos postos situados no Mercado Municipal de Carballo". Trátase da adxudicación do posto exterior número 14, que antes acollía unha zapatería e que poderá ser destinado á venda de alimentos non perecedoiros ou a artigos que non sexan de alimentación. O local conta con 25,4 metros cadrados. Con once votos a favor, de BNG e PSOE, e dez abstencións de PP e TEGA, saíron adiante unha modificación do contrato de Servizos Enerxéticos e Mantemento con Garantía Total das instalacións do Alumeado Público do Concello de Carballo e a modificación do cadro de persoal do Concello de Carballo para actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT) despois dunha serie de sentenzas ao respecto. No primeiro caso, trátase dun cambio no contrato para permitir a substitución por motivos de seguridade dunha serie de luminarias no casco urbano que teñen unha configuración distinta ás do alumeado xeral. Ao non recoller o contrato esta substitución, por motivos de trámite debe realizarse unha modificación puntual do mesmo, aínda que a empresa Ferrovial UTE, responsable do servizo, comprometeuse a realizar os traballos sen ningún custe adicional para as arcas municipais. No caso das modificacións do Cadro de Persoal, acordo foi referendado no seu momento pola mesa de negociación, cos sindicatos e os grupos políticos municipais.

Outro dos asuntos de trámites, que foi aprobado neste caso por unanimidade, foi a aprobación definitiva do Plan especial de dotacións para equipamento en solo rústico no lugar da Brea. Trátase dun trámite seguido por Aspaber para ampliar as súas instalacións. Para rematar, o PP e TEGA retiraron unha moción conxunta para que "se lle dedique ao Dr. Eduardo Mariño a coñecida como glorieta do Ambulatorio, pasando a chamarse Praza do Dr. Eduardo Mariño". Porén, na actualidade esa glorieta xa se chama "Praza Médico Mariño" e así consta no rueiro, aínda que non haxa placa que o acredite. Polo tanto, retiraron a moción e realizaron un rogo para que a placa se coloque o antes posible.

Compartir: