Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno inclúe a cesión ao Concello da estrada...

LENDOIRO, LANTES E EIRÍS PRESIDIRÁN AS COMISIÓNS PERMANENTES

O pleno inclúe a cesión ao Concello da estrada provincial DP-1905 como paso previo á reurbanización da rúa Martín Herrera

Venres 24 de xullo do 2015

Dentro da organización municipal, tamén se dou conta da aceptación das dedicacións exclusivas do Concello, que finalmente serán catro e media despois do nomeamento do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, como Deputado provincial que, ademais, asumirá nese organismo as áreas de Turismo, Cultura e Patrimonio. A sesión tamén servirá para ratificar a concesión da Medalla de Ouro do Concello de Carballo a Conservas Calvo, unha proposta que foi avaliada a primeiros de xullo por todos os grupos políticos municipais, que estiveron de acordo de forma unánime, e que tamén vén apoiada por 45 entidades sociais, culturais e deportivas do municipio. O Alcalde quixo subliñar que esta primeira Medalla de Ouro concedida polo Concello conta cun grande respaldo, e tamén asegurou que, se falta algunha entidade por manifestar a súa adhesión ao acordo, seguramente será por non telo sabido a tempo de formalizar por escrito o seu apoio, e non por ningún outro motivo.

No apartado de urbanismo, hai que subliñar a aprobación dun Estudo detalle relativo á parcela E-2 do parque empresarial de Bértoa para a implantación dunha nova empresa no polígono, Gallega de Mallas. Trátase dun trámite previo á construción das novas naves para que esta empresa, até o de agora no polígono de Sabón, se instale en Carballo cunhas instalacións duns 16.000 metros cadrados a través dun investimento que supera os 10 millóns de euros. O Alcalde expresou que se trata dunha nova moi positiva para o municipio e para o parque empresarial e espera que Gallega de Mallas sexa unha "empresa dinamizadora e xeradora de riqueza" para Carballo e comarca. Así mesmo, a sesión inclúe a aprobación provisional dunha modificación puntual das normas subsidiarias vixentes para a construción das novas instalacións do Supermercado LIDL en Bértoa. A empresa está á espera da aprobación do PXOM, pero, ao mesmo tempo, solicita esta modificación que retirará en caso de que o Plan Xeral se aprobe antes de que esta solicitude saia adiante. O obxectivo do trámite é o de modificar a ubicación do aproveitamento comercial na parcela.

Área de Transporte MetropolitanoA orde do día recolle, así mesmo, a aprobación do Convenio de Adhesión asinado o pasado 18 de maio entre o Concello e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, para a integración de Carballo na Área de Transporte Metropolitano (ATM) da Coruña. Trátase dun servizo demandado con insistencia por parte dos veciños e veciñas e que agora está pendente de que a consellería realice os trámites que permitan emitir as tarxetas para que podan ser solicitadas polos interesados e interesadas. No apartado económico, hai que mencionar varios asuntos. Por un lado, unha rectificación do Inventario Municipal de Bens do Concello, unha listaxe que recibe actualizacións puntuais e que, a 31 de decembro de 2014, contaba con 18.497 bens por un valor de 267.190.686,88 euros. Por outro, a aprobación definitiva da Conta Xeral de 2014 despois de superar todos os trámites administrativos e de exposición pública. E por último, un Recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 7.505,31 euros referidos a 14 facturas pendentes de pago. Evencio Ferrero quixo resaltar que os tres recoñecementos aprobados en 2015 son "os máis baixos" de toda a serie histórica, con un importe conxunto de 77.349,24 euros.

No apartado de seguimento de órganos de Alcaldía, tamén se dá conta do Informe de Intervención e Tesourería de medidas contra a morosidade relativo ao segundo trimestre de 2015. Nese período realizáronse 1.121 pagos por un importe de 2.919.955,98 euros cunha media de pago de 27,67 días. Fóra do período legal realizáronse 86 pagos por 219.500 euros sen intereses de demora. A final de trimestre quedaron pendentes 40 operacións por un importe de 111.172,39 euros.

Moción sobre a variante de CarballoNo apartado de mocións, o mandato estréase con unha presentada polo grupo municipal do PSOE relativa á variante de Carballo. A proposta solicita, en primeiro lugar, que se divida o proxecto en dúas fases, consistindo a primeira no vial entre Montecelo e as Labradas e os enlaces coa AG-55, AC-552, Estrada de Portomouro e Estrada de Ordes; en segundo, que o Concello achegue o 20 por cento do investimento, excluídas as expropiacións; e que se solicite que a obra sexa executada nas anualidades 2016 e 2017. Evencio Ferrero quixo aclarar que semella excesivo que o Concello asuma o 20 por cento do importe dun proxecto que no seu momento foi integramente asumido pola Xunta de Galicia, polo que non considera pertinente esta parte da proposta, xa que hai que facer un "uso responsable dos recursos do Concello" e "se comprometemos ese gasto, non poderemos realizar outras obras importantes como a travesía de Bértoa ou a da Casilla". En todo caso, asegura que a administración local ten pendentes entrevistas non só con Ethel Vázquez, Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, senón tamén co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para falar da variante de Carballo e doutras melloras en materia viaria para Carballo.

Compartir: