Inicio Carballo ao día Hemeroteca A edición máis xuvenil e musical da Praza dos...

FANZINADAS E A SESIÓN VERMÚ, ALGUNHAS NOVIDADES DESTA EDICIÓN

A edición máis xuvenil e musical da Praza dos Libros chega ao Xardín Municipal de Carballo do 20 ao 23 de agosto

Xoves 13 de agosto do 2015

Un dos puntos fortes desta festa da creatividade sempre é a participación infantil. Así, as nenas e os nenos contarán con múltiples actividades, como o "Cantacontos" de Raquel Galavís o xoves ás 18.30 horas; o concerto de presentación de "O grilo Míllelo", de Icía Varela, o venres ás 12.30 horas, que estará coa Banda do Grilo; o concerto "Brinca vai!", de Paco Nogueiras, o venres ás 18.30 horas; o espectáculo de monicreques "Cocer e cantar", de Seisdedos, o sábado ás 12.30 horas; os obradoiros creativos do colectivo CreaFormas durante toda a tarde do sábado; o concerto de rock infantil de A Gramola Gominola o sábado ás 18.30 horas; a animación co Nubinete e a Ciclobiblioteca de Anxo Moure o domingo pola mañá; ou o concerto "Un conto ao revés", de Chuches Amil o domingo ás 18.30 horas.

E o programa tamén estará repleto de presentacións de libros. Así, o xoves pola tarde será a vez da "Historia do fútbol da Costa", de Xosé M.ª Lema e Xosé M.ª Rei (19.45 horas) e de "Xeixos" (Embora, 20.30 horas), do singular creador, actor, camareiro e expercebeiro de Corme Suso Lista. O venres, ademais das presentacións de "O grilo Míllelo" (Embora, 12.30 horas), de Icía Varela e Xosé Manuel Varela, e de "Brinca Vai!" (Kalandraka, 18.30 horas), de Paco Nogueira (a través dun concerto), tamén se presentarán os poemarios da editorial Caldeirón "Terra fría", de Miguel A. Mato Fondo, "Ode à Madison Ivy e outras coisas de meter", de Verónica Martínez Delgado, e "Dominio público", de Ramón Neto. E ás 20.30 horas terá lugar a presentación da obra colectiva "Catálogo", de Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Mon Lendoiro e Chiña, unha combinación de poemas a partir de ilustracións.

O sábado pola tarde haberá tres presentacións. A primeira delas, a do libro-disco infantil "A Gramola Gominola" (Galaxia, 18.30 horas), seguida da da novela "O soño de Xoán" (Embora, 19.45 horas), do escritor carballés Farruco Graña, e do recital-presentación de "A boca da terr"a (Xerais, 20.30 horas), de Manuel Rivas. E o domingo pola tarde, outras dúas presentación máis: "Un conto ao revés" (Galaxia, 18.30 horas), de Chuches Amil; e "Atlántica Luz" (Á lus do candil, 19.45 horas), poemario de Modesto Fraga.

Fanzinadas, música, sesión vermú e arte urbanaNa Praza dos Libros inténtanse facer cousas novas e distintas. Por iso, unha das novidades desta décima edición é "Fanzinadas", un espazo para visibilizar a creatividade da autoedición gráfica das marxes. Nesta mostra, que terá lugar o venres 21 durante toda a tarde, participarán 12 creadores, creadoras e colectivos para difundir os formatos e contidos autoeditados, principalmente fanzines. E como a Praza dos Libros é unha festa, e toda boa festa ten unha sesión vermú, pois haberá sesión vermú. E, como non podía ser doutro xeito, estará argallada con creatividade galega: creatividade musical, a do grupo carballés Chicharrón, e creatividade galega tamén no vermú que se servirá, o Petroni, feito a partir de viño albariño. Chicharrón, a banda formada por Alberto M. Vecino, Diego Gende, Xurxo Meis, Mar Catarina e Rubén Domínguez, fará nesta festa o domingo ás 13.00 horas un repertorio especial en galego, como adianto do seu próximo disco.

E tamén pechará esta feira con música, neste caso humorística, da man de Poetarras. O domingo ás 20.30 horas terá lugar a actuación de peche da man do colectivo arterrorístico de Manuel Gago, Rubén Lino e Dani Vilaverde cuxo obxectivo principal é ofender a "somebody en somewhere por something" a través de sketchs musicais. E outra das novidades é a inclusión da arte urbana. Así, o domingo pola tarde (18.00 horas) farase un roteiro de arte urbana por Carballo, a través dos proxectos "Derrubando muros con pintura", "Rexenera Fest", "Carballo mirando ao mar" e "Ruar e rir".

Pan, verdura e pataca: produtos imprescindiblesHai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixo, froita... Ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 20 e o domingo 23 a Praza dos Libros convivirá coa feira tradicional de Carballo, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada. Hai que se alimentar coa palabra, mais tamén con patacas, queixo, froita... Ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 20 e o domingo 23 a Praza dos Libros convivirá coa feira tradicional de Carballo, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada.

Venda e exposición de librosNa Praza dos Libros terán presenza sete librarías, que traerán a creatividade galega para que quen queira tamén a poida levar para a súa casa: Brañas, Trasgo e Ler (de Carballo), Roget (de Vimianzo), Pedreira (de Santiago), Á lus do Candil (de Arteixo) e Couceiro (da Coruña). O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 hroas polas mañás e de 17.30 a 21.30 horas polas tardes. Para fomentar a compra de libros, ademais do desconto do 10 por cento e do agasallo o domingo pola mañá dun pan de Carballo, as persoas que fagan algunha compra entrarán no sorteo diario dun lote de libros.

A Praza dos Libros, que se desenvolve a finais de agosto desde o ano 2006, está organizada polo Concello de Carballo coa colaboración de Conservas Calvo con catro días de intensa programación de animación, presentacións, contacontos, recitais, concertos e venda e exposición de libros, e todo, co obxectivo de fomentar o libro e a lectura, a imaxinación e a creactividade. En 2014, nas distintas actividades participaron arredor de 2.000 persoas, aínda que as que visitaron a Praza dos Libros foron máis. E, despois da feira, había nos fogares das persoas participantes uns 1.600 libros máis, o 70 por cento deles en galego.

Compartir: