Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unanimidade social e do pleno da corporación para...

LUZ VERDE PARA A CESIÓN DA ESTRADA PROVINCIAL DP-1905

Unanimidade social e do pleno da corporación para a concesión da primeira Medalla de Ouro do Concello a Conservas Calvo

Martes 28 de xullo do 2015

Por último, todos os corporativos apoiaron a aprobación dun Estudo detalle relativo á parcela E-2 do parque empresarial de Bértoa para a implantación dunha nova empresa no polígono, Gallega de Mallas. Trátase dun trámite previo á construción das novas naves para que esta empresa, até o de agora no polígono de Sabón, se instale en Carballo cunhas instalacións duns 16.000 metros cadrados a través dun investimento que supera os 10 millóns de euros e que o Concello espera sexa moi beneficioso tanto para a vila como para o Parque Empresarial de Bértoa. A maioría dos asuntos restantes tratados na sesión tamén saíron adiante, aínda que non co apoio de todos os concelleiros. Entre eles, hai que subliñar o cambio de titularidade por mutación demanial subxectiva a favor do Concello de Carballo do tramo da estrada provincial DP-1905 de Carballo á Feira de Verdillo entre os puntos quilométricos 0,000 (na Praza de Galicia) e 0,540 (á altura da glorieta do Campo da Feira). Trátase dun paso necesario para poder emprender as obras de reurbanización da rúa Martín Herrera e da contorna da Igrexa parroquial, unha obra que está pendente tamén da cesión do espazo por parte do Arcebispado de Santiago. O punto recibiu os votos a favor de todos os grupos excepto de TEGA, que se abstivo.

Recoñecemento extraxudicial e Conta xeralEntre os asuntos económicos, aprobouse cos votos a favor de BNG e PP e a abstención de TEGA e PSOE un Recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe de 7.505,31 euros referidos a 14 facturas pendentes de pago. Sería o terceiro recoñecemento aprobados en 2015 con un importe conxunto de 77.349,24 euros e sendo o máis baixo da serie histórica rexistrada. A rectificación do Inventario Municipal de Bens do Concello, que, a 31 de decembro de 2014, contaba con 18.497 bens por un valor de 267.190.686,88 euros, saíu adiante co apoio de todos os grupos excepto o PP, que se abstivo e tamén se aprobou, aínda que tampouco co acordo de todos os corporativos, a Conta Xeral do Concello de 2014, que xa ten superado todos os trámites, incluída a exposición pública. No apartado de urbanismo, a sesión supuxo a aprobación provisional dunha modificación puntual das normas subsidiarias vixentes para a construción das novas instalacións do Supermercado LIDL en Bértoa, cos votos a favor de BNG e PSOE, os votos en contra de TEGA e a abstención do PP. O obxectivo do trámite é o de modificar a ubicación do aproveitamento comercial da parcela.

Por último, no apartado de mocións, rexeitouse cos votos en contra de BNG e PP unha proposta presentada polo PSOE relativa á variante de Carballo. A proposta solicitaba a división do proxecto en dúas fases, que o Concello achegue o 20 por cento do investimento, excluídas as expropiacións e que se solicite que a obra sexa executada nas anualidades 2016 e 2017. O desacordo en varios dos puntos da iniciativa fixo que non saíse adiante. A sesión tamén supuxo a dación de conta de varios asuntos de trámite, como a designación dos membros das Comisións Informativas, a adaptación das dedicacións exclusivas, logo da renuncia de Xosé Regueira á súa ao asumir a área de Turismo, Cultura e Patrimonio na Deputación, ou o Informe de Intervención e Tesourería de medidas contra a morosidade relativo ao segundo trimestre de 2015, que reflicte que o Concello mantén unha media de pago de 27,67 días.

Compartir: