Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello reordena o tráfico na contorna do...

CAMBIOS DE SENTIDO OPERATIVOS DENDE O VENRES 4 DE SETEMBRO

O Concello reordena o tráfico na contorna do Chorís para mellorar a seguridade dos peóns e con motivo das obras de reurbanización

Xoves 3 de setembro do 2015

Entre o xoves 3 e o venres 4 de setembro procederase á sinalización vertical e horizontal coas novas direccións. A Oficina Técnica Municipal e a Policía Local colaboraron na elaboración desta reordenación, e está previsto que dende o venres 4 partir das 13.00 horas, momento en que estará rematada a nova sinalización, e durante algúns días, axentes da Policía vixilen a zona con maior intensidade para avisar aos veciños e veciñas e axudar co seu labor a que se acostumen aos cambios antes do comezo do curso escolar e se minimice o impacto que teñan as modificacións durante os primeiros días do curso. Hai que subliñar que os novos sentidos da circulación serán os que prevalecerán unha vez rematadas as obras de reurbanización no barrio, aínda que a sinalización horizontal é provisional, xa que haberá cortes de tráfico que estarán debidamente sinalizados pola Policía durante o desenvolvemento dos traballos.

Mellora de beirarrúas e pista deportivaHai que lembrar que a actuación, por un importe de 344.420 euros, consistirá no reacondicionamento das beirarrúas e na actualización dos servizos, incluíndo o saneamento e abastecemento de auga, e os servizos de gas e da rede eléctrica. Regularanse os aparcadoiros, coa súa redistribución, xa que pasarán a estar en batería; e co seu acondicionamento. Crearanse novas áreas de estacionamento, co acondicionamento da que xa está en uso no solar municipal dos depósitos de auga; e con outra nova área de aparcadoiros na rúa Vila de Coristanco, preto do CEIP Fogar. Habilitarase unha glorieta para regular a circulación na confluencia das rúas Avenida de Bergantiños e Vila de Corcubión. Plantaranse 34 árbores e crearase unha pista perimetral de 1,5 metros de ancho arredor de toda a mazá para a práctica deportiva. Por último, crearase un novo portalón de acceso ao CEIP Fogar.

Os interesados e interesadas poden descargar o plano coa nova ordenación nun documento en pdf nesta mesma nova. A foto que ilustra a nova é de Janet González Valdés.

Compartir: