Inicio Carballo ao día Hemeroteca A familia Calvo recolleu a Medalla de Ouro para a...

CARBALLO RECOÑECEU O LABOR DA PRIMEIRA CONSERVEIRA DE ESPAÑA

A familia Calvo recolleu a Medalla de Ouro para a empresa nun acto sinxelo, emotivo e que ateigou o Pazo da Cultura

Luns 14 de setembro do 2015

O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo realizar un breve percorrido pola historia da empresa, porque "hai que ser moi carballés para erguer un complexo conserveiro a varios quilómetros da costa", e "hai que ser moi bo dirixente industrial para ser empresa de referencia a nivel mundial". Para Ferrero, "Calvo é moito máis que unha das primeiras conserveiras do mundo, é o símbolo do compromiso cun pobo e cos seus habitantes", porque "o nome de Calvo abre as portas á solidariedade, ao compromiso social, ao deporte, á cultura, ao libro, ao movemento asociativo destas terras". "Con Calvo estamos no mundo", subliñou. Rematou asegurando que "toda a sociedade carballesa sempre recoñecerá" o exemplo de Calvo. Ferrero transmitiu así o agarimo de todos os presentes e de todo un pobo á que é, despois de moito camiñar, a primeira conserveira de España, a segunda de Europa e a quinta do mundo. A cita contou tamén coa animación musical de Uxía e Fran Pérez Narf, que coas súas cancións engaiolaron ao público presente, que gozaba do ambiente festivo do acto. E tamén coa proxección dun vídeo conmemorativo da empresa con motivo do seu 75 aniversario, no que aparecen moitos dos traballadores e traballadoras que ao longo de todos estes anos teñen formado parte da familia do Grupo Calvo.

Entre o público asistente ao acto, ademais de todos os membros da corporación, hai que mencionar a presenza do Secretario Xeral de Pesca, Juan Carlos Maneiro; o Secretario Xeral de Anfaco, Juan Manuel Vieites; ou o Presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Marcelo Castro-Rial. Así mesmo, estiveron os alcaldes da Laracha, Malpica e Carnota, e os dirixentes de numerosas asociacións deportivas, culturais e sociais, así como de empresas de Carballo e da comarca. Todos eles quixeron transmitir os seus parabéns nun acto que quedará para o recordo.

Compartir: