Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT muda Carballo nun gran teatro con catorce...

SERÁN 34 ESPECTÁCULOS ENTRE O 25 DE SETEMBRO E O 31 DE OUTUBRO

O FIOT muda Carballo nun gran teatro con catorce estreas e os nomes propios de Charo López e Blanca Portillo

Mércores 16 de setembro do 2015

Tras as bambolinas volverán situarse grandes directores e directoras, como Yayo Cáceres, de Ron Lalá en coprodución con Galo Film, ou o cineasta Agustí Villaronga; creacións colectivas e fiestras para novas tendencias no transgresor Ciclo OTNI. O espazo para as novidades nesta edición trasladarase á rúa baixo a máxima sempre defendida pola organización do FIOT: levar a maxia do teatro a todos os públicos máis aló do escenario do Pazo da Cultura para ampliar e fortalecer os lazos que unen o Outono de Teatro co público. "Buscamos a complicidade cos espectadores e espectadoras porque eles son o alento, forza e futuro do Festival", sinalan desde a organización do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT).

O venres 25 de setembro (21.00h) na mesma Praza do Concello de Carballo terá lugar a apertura do Festival con Vaivén Circo, unha compañía andaluza que se está facendo un oco no panorama nacional e internacional. Nesta edición tamén se amplia e reforza a programación da XVII Rúa dos Contos con sesións dobres no Mercado Municipal; a extensión do Fiotiño a tres días de diversión teatral para case 60 nenos e nenas e un completo programa de actividades paralelas que suma ás citas xa habituais (Escola do espectador, Café con, concurso radiofónico de teatro lido, etc.) un "Taller de humor para torpes".

Versión orixinalA liña argumental da XXIV edición do FIOT pon o foco sobre personaxes que reclaman o protagonismo da súa voz, dunha propia versión sobre a súa vida. Más aló da historia máis visible ou oficial defenden a súa mirada persoal e íntima e converterannos en testemuñas e cómplices da "súa" versión orixinal. Son todos personaxes que se situarán en primeiro plano fronte ao espectador para interpelalo e romper a cuarta parede. Será, avanzan da organización, como unha confesión para desvelar en primeira persoa o que non se dixo deses protagonistas, o que eles teñen por dicir, e conectarnos ao mesmo tempo co noso mundo e coas preocupacións sociais máis actuais. Quen non ten curiosidade por saber o que nos van dicir?

O escenario do Pazo da Cultura volverá encherse coa presenza de recoñecidas figuras do teatro nacional, como a actriz Blanca Portillo ("El testamento de María", sábado 17/10, estrea en Galicia). Nesta coprodución co Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., primeira obra de Agustí Villaronga (director da premiada película "Pa Negre" nos Goya 2011), Portillo entregarase ela sola ante o auditorio nunha emocionante e extraordinaria interpretación para recuperar a cara máis humana da nai de Xesús. Outra personaxe recoñecida, a da Celestina, revivirá nun monólogo poético e emocionante na pel de Charo López ("Ojos de agua", sábado 31/10) so selo da compañía Ron Lalá. Outro nome coñecido pola súa aparición na pequena pantalla é o da actriz Inma Cuevas ("La Señora", "Gran Hotel" ou "Velvet") quen coprotagoniza a dramática "Constelaciones" (domingo 18). 

Estrea dunha compañía madrileña en CarballoA 24 edición tamén será recordada por ser a segunda vez na que unha compañía non galega protagoniza unha estrea absoluta na programación de sala. En 2013, foi Titzina Teatre con "Distancia 7 minutos" (que continúa rodando con moito éxito polos escenarios nacionais) e o vindeiro 24 de outubro será con "Los esclavos de mis esclavos", da madrileña Producciones Meridional coa que o FIOT mantén unha longa relación xa que estiveron noutras 4 ocasións no Outono de Teatro, gañando o Premio do Público en 2003 con "Miguel Hernández". O resto das estreas absolutas corresponden ás tres das Rúas dos Contos: os últimos espectáculos dos galegos Antón Coucheiro (venres 2), Os sete magníficos máis un (domingo 11) e Quico Cadaval (lunes 12).

No que respecta ás estreas en Galicia, no marco da programación de sala, o público poderá sorprenderse e gozar coa soberbia e arriscada "Los nadadores nocturnos", de Draft.Inn (venres 16); coa orixinal versión do texto universal de Shakespeare "Othelo", dos arxentinos Gabriel Chamé (venres 30); e con tres das catro obras do ciclo OTNI: "Latente", da canaria Paula Quintana (luns 12), "Mamá Gallina" dos vascos Pez Limbo (sábado 17) e "Locus Amoenus", dos cataláns Atresbandes (domingo 25). No marco da Rúa dos Contos, as estreas son JuanCállate, de Pez en Raya (sábado 10) e "El fin del mundo está cerca", de Chanson Mor Món (sábado 3).

En canto ás producións galegas, o programa inclúe unha compañía xa familiar para o público carballés e outra novel. A primeira é Teatro do Morcego (venres 23) que, baixo o liderado do carismático Celso Parada, traerá a sátira "Presidente" (que se presenta este venres 18/09); e a segunda, Cinema Sticado que chega ao FIOT co primeiro espectáculo da súa triloxía Strpts "Episodio 1: Mirlo&Rula".

Vellos coñecidos das táboas carballesas son, tamén, Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosquera baixo a dirección de Quico Cadaval) que regresan á Rúa dos Contos co seu estilo máis acedo en "A Galiña" (domingo 4). Na outra banda, Xabier Deive e Luís Iglesia, dous actores televisivos de gran popularidade, soben por primeira vez ao escenario máis gamberro do FIOT para reflexionar sobre a existencia en "Filosofando" (sábado 10).

En xeral, unha equilibrada e orixinal paisaxe humana que durante máis dun mes poboará Carballo de creadores moi diversos para recrear unha ampla gama de xéneros, estilos e linguaxes, evidenciando a riqueza da escena teatral da capital de Bergantiños

Venda de bonos e entradas soltasOs bonos e entradas soltas poderán adquirirse por cuarto ano consecutivo a través do sistema de televenda de ataquilla.com (antes Servinova) ou no teléfono 902 504 500 (de 9.00h a 22.00h). Os socios do FIOT poderán comprar os bonos desde este sábado 19 ao mércores 23 de setembro (70€ e 65€ prezo reducido) e o público en xeral, a partir do venres 25.

As entradas soltas do programa de sala e ciclo OTNI estarán á venda tamén desde o venres 25 ata o día de antes de cada función por vía telemática, e na mesma billeteira do Pazo da Cultura, hora e media antes do inicio (19.30 a 21.00h), de quedar butacas libres.

Os tickets da Rúa dos Contos poderán adquirirse tanto os días de función como antes nos locais participantes, excepto para as sesións dobres da Rúa dos Contos (4 e 10/10) que se fará vía telemática e na billeteira do Mercado Municipal os días de función. Os socios de Telón e Aparte teráno 50% de desconto presentando o seu carné.

Voluntariado e financiamentoNesta edición, a organización non esquece a implicación do fiel público do Festival, así como o inestimable labor do equipo de voluntarios, que desde 2009 colaboran desinteresadamente no bo devir do Outono de Teatro.

O FIOT está coorganizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo. Conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Agadic, da Deputación da Coruña e do Ministerio de Cultura a través do Inaem, así como do Grupo Calvo. O acto de apertura contou coa presenza do Director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; de Luciano Calvo en representación da Fundación Luís Calvo Sanz; do deputado provincial de Cultura e Patrimonio, Xosé Regueira; e do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ademais de Alberto Sueiro.

Os interesados e interesadas poden descargar o programa do festival ao completo nun pdf nesta mesma nova, así como consultar o web do FIOT.

Compartir: