Inicio Carballo ao día Hemeroteca A praia de Razo-Baldaio acolle o primeiro Open de...

EN CATEGORÍAS SURFCASTING E SPINNING O 3 E 4 DE OUTUBRO

A praia de Razo-Baldaio acolle o primeiro Open de pesca deportiva de Carballo, que repartirá 2.000 euros en premios

Xoves 24 de setembro do 2015

Carballo acolle a primeira fin de semana de outubro, o sábado 3 e o domingo 4, o primeiro Open de pesca deportiva que se celebra no municipio, o Open Pesca Razo, "#pescarazo", unha cita que nace co obxectivo de potenciar as praias de Razo e Baldaio como un espazo propicio para a práctica desta disciplina. A cita está organizada polo Concello a través da Concellaría de Promoción Económica e Turismo que dirixe Xosé Regueira, coa colaboración de www.cotodepezca.com, a revista online de pesca deportiva que ten máis visitas de España, e que conta con sede en Carballo. Javier Sousa, xerente da publicación, quixo subliñar na presentación da iniciativa non só a contía dos premios, xa que o concurso está dotado con 2.000 euros, 1.000 para a categoría surfcasting e outros 1.000 para a categoría spinning, senón tamén a aposta do Concello dende o primeiro pola promoción deste tipo de actividade. Sousa tamén quixo sinalar que esta cita está concibida como unha oportunidade para "gozar dun día de pesca en familia", xa que, ademais do concurso propiamente dito, que se desenvolverá na contorna do camping de Baldaio, está previsto organizar charlas e cursillos de pesca nos que poda participar o público que se achegue ata o areal. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo subliñar que a pesca é unha actividade que atrae a moita xente, que se despraza longas distancias para asistir a este tipo de eventos, polo que ten un importante potencial turístico. Ferrero salienta que dende o Concello "tentaremos modestamente dar pasos para que se potencie Razo-Baldaio como destino para a pesca deportiva".

Respecto da organización da proba, Javier Sousa explicou que o areal de Razo-Baldaio é "fantástico" para a pesca con cana dende costa, xa que os seus casi sete kilómetros de largo permiten albergar calquera evento de pesca deportiva por moi grande que sexa. A cita divídese no Open Pesca Razo Surfcasting (o #pescarazo surfcasting), que terá lugar o 3 de outubro; e o Open Pesca Razo Spinning (o #pescarazo spinning), que terá lugar o 4 de outubro. No primeiro caso a competición consiste no lanzamento de cana dende a orilla, logo clávase a cana e espérase a que piquen; a segunda modalidade require máis interacción coa auga e é unha disciplina moi recente, na que os pescadores lanzan e recollen a cana empregando un peixe artificial. O concurso desenvolverase arredor do Camping de Baldaio, establecéndose áreas de pesca de 30 metros de ancho dende a zona de camping en dirección a Razo. Sousa explica que nestes momentos está confirmada a presenza de campións de Galicia e da Coruña na proba, na que se calcula que participarán entre 50 e 75 persoas por categoría. Os interesados e interesadas en anotarse poden facelo até o 30 de setembro na páxina web <www.pescarazo.com, www.cotodepezca.com>, a través do teléfono 644 22 75 54 ou no enderezo electrónico <info@pescarazo.com. A cota de inscrición para surfcasting é de 25 euros; e para spinning de 15 euros. Sorte a todos os participantes!

Compartir: