Inicio Carballo ao día Hemeroteca O pleno inclúe a bonificación no ICIO para a...

ÁBRESE UN NOVO PROCESO PARA ADXUDICAR DOCE POSTOS DO MERCADO

O pleno inclúe a bonificación no ICIO para a implantación da empresa Gallega de Mallas no Parque Empresarial de Bértoa

Venres 25 de setembro do 2015

Dentro dos asuntos de trámite, a sesión tamén inclúe o visto e prace para unha modificación da Ordenanza xeral de prezos públicos nº1 do Concello de Carballo. O cambio realízase para permitir que o pleno delegue na Xunta de Goberno Local o establecemento, fixación e modificación dos prezos públicos dos servizos ou actividades prestados directamente polo Concello. Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, o obxectivo desta modificación é axilizar a xestión destes prezos, que se aplican, por exemplo, para regular o uso de edificios públicos municipais como o Fórum Carballo. Xa no apartado de mocións, tanto o PSOE como o PP presentan unha relativa á atención dos refuxiados por parte da administración local. Porén o Concello xa ten anunciado unha serie de medidas, como a creación de programas de emerxencia social e educación familiar, un dispositivo especial no Centro de Información á Muller (CIM), un servizo de busca de emprego a través da Bolsa de Traballo municipal, clases de español e de galego, un servizo telemático de tradución, un programa de información, orientación e valoración que suporía o primeiro contacto cos/as posibles usuarios/as, etc. Máis informacón sobre as medidas establecidas polo Concello para axudar aos refuxiados, clicando aquí.

Apartado de mociónsSeguindo co apartado de mocións, o grupo socialista presentou unha na que se insta ao pleno a acordar que se solicite o regreso da Policía Nacional a Carballo e a creación da correspondente Comisaría. Aínda que o grupo de goberno manifesta o seu acordo na necesidade do regreso da Policía Nacional, non está a favor dun dos aspectos da moción no que o PSOE manifesta que o Concello adopte xa o compromiso de facilitar unha situación e unhas dependencias para a creación da citada Comisaría. O Alcalde sinala que non lle parece lóxico establecer as condicións para a implantación do servizo antes aínda de que haxa ningún acordo ao respecto, polo que o grupo de goberno manifestou na comisión informativa o seu desacordo con este punto, así como con unha emenda proposta polo PP na que se mencionan algunhas das xestións realizadas diante do Goberno de España para negociar o regreso da Policía Nacional. En todo caso, Ferrero anunciou que o xoves 1 de outubro está previsto manter unha entrevista na Coruña co Delegado do Goberno, Santiago Villanueva, para abordar este e outros asuntos.

O PP presentou dúas mocións diante do pleno que non foron ditaminadas nas comisións informativas ao non ter sido presentadas a tempo, pero que si serán incluídas na sesión. A primeira delas insta aos "poderes públicos, administracións públicas e sociedade civil a poñer en valor a cohesión e unidade de España", "a respectar os dereitos e liberdades fundamentais de todos os cidadáns", ou á "posta en valor da fortaleza democrática das nosas institucións". A segunda propón solicitar diante da Consellería de Medio Rural, así como diante da Deputación da Coruña que se elaboren accións para defender a calidade do leite e de apoio ao sector lácteo. Xa fóra do apartado de mocións, a sesión inclúe a renuncia da Concelleira do PP, Bibiana Bértoa Cambón, ao seu cargo como edila no Concello de Carballo. O seguinte posto na listaxe do PP presentada aos comicios de maio de 2015 está ocupado por Carlos Reyes Pereira. A sesión pecharase coa comparecencia de Indalecio López en representación da Confederación Intersindical Galega (CIG) de Carballo. En virtude do Regulamento de Participación Cidadá realizará unha intervención na que defenderá a necesidade de crear unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico do país.

Compartir: