Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unanimidade do pleno para solicitar o regreso da...

APROBADA A LICITACIÓN DE DOCE POSTOS DO MERCADO

Unanimidade do pleno para solicitar o regreso da Policía Nacional e para favorecer a implantación de Gallega de Mallas en Bértoa

Martes 29 de setembro do 2015

Nunha sesión de máis de dúas horas de duración e que tivo que lamentar a ausencia da concelleira do PP, Ana Casais, outro dos puntos aprobados por unanimidade foi o contrato administrativo especial para a concesión dun total de doce postos do Mercado Municipal de Carballo, así como de seis almacéns con cámara de frío para carnicerías e outros cinco sen cámara. Entre os criterios para a adxudicación, que se realizará a través dun concurso aberto, valorarase a proposta económica, con ata 90 puntos; así como o proxecto de explotación da actividade económica a desenvolver no posto de venda, con ata dez puntos. A apertura do procedemento realizarase a través dun anuncio publicado no BOP (Boletín Oficial da Provincia) e está establecido contar cun prazo de 30 días naturais para a presentación de ofertas. Un asunto que saíu adiante unicamente cos votos a favor do BNG foi a modificación da Ordenanza xeral de prezos públicos nº 1 do Concello de Carballo. O cambio, meramente de trámite, realízase para permitir que o pleno delegue na Xunta de Goberno Local o establecemento, fixación e modificación dos prezos públicos dos servizos ou actividades prestados directamente polo Concello, prezos que se aplican, por exemplo, para regular o uso de edificios públicos municipais como o Fórum Carballo ou o Pazo da Cultura.

Renuncia de Bibiana BértoaXa que tanto o PSOE como o PP presentaron cadansúa moción acerca da situación dos refuxiados que chegan a Europa con motivo da guerra de Siria, decidiuse deixar o asunto sobre da mesa e elaborar entre todos os grupos con presenza no pleno unha Declaración institucional de consenso na que se recolla o apoio da corporación e a vontade de axudar a todas as persoas que se atopen nesta difícil situación. A sesión tamén supuxo a a renuncia da Concelleira do PP, Bibiana Bértoa Cambón (na imaxe, primeira pola dereita), ao seu cargo como edila no Concello de Carballo por motivos laborais, despois de algo máis de catro anos no seu cargo, sendo este o seu segundo mandato como integrante da corporación. O seguinte posto na listaxe do PP presentada aos comicios de maio de 2015 está ocupado por Carlos Reyes Pereira.

No apartado de mocións, a corporación rexeitou a aprobación de dúas mocións presentadas polo PP. A primeira delas instaba aos "poderes públicos, administracións públicas e sociedade civil a poñer en valor a cohesión e unidade de España"; a segunda propoñía solicitar diante da Consellería de Medio Rural, así como diante da Deputación da Coruña que se elaboren accións para defender a calidade do leite e de apoio ao sector lácteo. Un dos motivos para o rexeitamento desta segunda proposta foi a apelación á Deputación provincial, xa que non se considerou o organismo pertinente para adoptar medidas sobre o sector lácteo. A sesión pechouse coa comparecencia de Xabier Filgueira en representación da Confederación Intersindical Galega (CIG) de Carballo. En virtude do Regulamento de Participación Cidadá realizou unha intervención na que defendeu a necesidade de crear unha tarifa eléctrica diferenciada para Galicia co obxectivo de impulsar o desenvolvemento económico e a industria do país.

Compartir: